HomePontevedraPoioO remodelado Pazo de Besada estrea o seu uso acollendo á homenaxe...

O remodelado Pazo de Besada estrea o seu uso acollendo á homenaxe ás parellas de Poio que cumpren 50 anos xuntos

- Anuncio -spot_img

• O acto, organizado pola Concellería de Benestar Social dirixida por Rosa Fernández (PSOE), terá lugar este domingo, un día despois da inauguración oficial das instalacións

• O concelleiro de Urbanismo, o tamén socialista Gregorio Agís, salienta a espectacular transformación do histórico inmoble, grazas a unha ambiciosa reforma sufragada con fondos do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra

Logo de finalizar a súa rehabilitación integral, o Pazo de Besada, un dos grandes emblemas históricos e patrimoniais da parroquia de San Salvador e do municipio, estreará o seu novo aspecto este domingo, 27 de novembro, acollendo unha das citas que, ata a chegada da COVID-19, se celebraban cada ano na Casa Rosada: a homenaxe que a Concellería de Benestar Social e Mocidade brinda ás parellas da vila con motivo das súas vodas de ouro.

Por primeira vez, a cita terá lugar no Pazo, que, tal e como recorda a titular da área, Rosa Fernández (PSdeG-PSOE), pasará a acoller o departamento de Servizos Sociais e de Mocidade, así como o CIM. Logo da finalización das obras de reforma, rematadas este outono, xa se está a acondicionar todo o inmoble, de xeito que o traslado desde a Casa Rosada se poida completar a principios de 2023. “Estamos moi felices de poder estrear estas dependencias tan importantes e vencelladas a Poio homenaxeando a todas esas parellas e matrimonios que levan 50 anos compartindo a súa vida”, asegura Fernández González. Antes, o sábado, terá lugar a cabo o acto oficial de inauguración do Pazo de Besada, coa presenza das autoridades municipais e da presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva.

A homenaxe comezará ás 17.00 horas. Serán un total de 14 as parellas recoñecidas, que recibirán un agasallo conmemorativo e un diploma. “Son xente que fixo a súa vida en Poio e estamos tremendamente felices de poder volver a darlles o recoñecemento que merecen, acompañados das súas familias e amizades, despois de que tanto en 2020 como en 2021 non puidésemos organizar esta celebración por mor da situación sanitaria”, apunta Rosa Fernández. Neses anos, a concelleira de Benestar Social e Mocidade foi a encargada de facer entrega a domicilio dos obsequios. Agora, esta homenaxe terá lugar no espazo destinado a salón de actos co que conta o Pazo de Besada.

Un antes e un despois para un inmoble histórico

A espectacular reforma levada a cabo nestas dependencias, que foron construídas hai máis dun século, fíxose realidade grazas a un proxecto desenvolto pola Concellería de Urbanismo e Promoción Económica. O seu responsable, o socialista Gregorio Agís, lembra que a inversión superou os 500.000 euros, obtidos a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.

“Esta transformación sen dúbida marca un novo tempo para a veciñanza de Poio e, especialmente, para a de San Salvador”, afirmou Agís, que explica que o inmoble pasa a contar con áreas de esparcemento e descanso para persoas maiores, oficinas, unha aula de lectura e despachos. Ademais, instalouse un novo elevador, dentro dos traballos levados a cabo para garantir a mobilidade universal, así como a dotación dun sistema de alumeado e calefacción que se basea na eficiencia enerxética. “Para nós é moi importante que un dos grandes símbolos de Poio pase a ser agora un punto de encontro para a nosa e xente e, sobre todo, para as persoas maiores”, finalizou Gregorio Agís.

Publicacións Relacionadas