• O alcalde, Luciano Sobral, anima á cidadanía a participar neste acto, que dará comezo ás 19.00 horas
Poio dará a súa benvida particular ao Nadal este venres 2 de decembro. Será entón cando se prenda a iluminación decorativa instalada, nun acto aberto ao que “convidamos á nosa veciñanza a asistir, para gozar dun serán de música, chocolate quente e algunha sorpresa máis”, sinala o alcalde, Luciano Sobral. O rexedor avanza que será desde as 19.00 horas cando comece a animación musical e proceda ao reparto de racións de chocolate e rosca para todas e todos os asistentes.
Sobral sinala que o inicio do Nadal este ano “é máis especial se cabe, logo de dous anos que estiveron marcados irremediablemente pola pandemia da COVID-19”. É por iso polo que alcalde anima á veciñanza e ao tecido asociativo do municipio a achegarse ata a Praza do Mosteiro para asistir ao prendido. Será entón cando se ilumine o decorado instalado na fachada da Casa Consistorial, no que non faltará un ‘photocall’ para que a xente poida “tomar instantáneas e inmortalizar un momento tan especial coma este”. Ao igual que sucedeu na edición de 2021, procederase á gravación dun vídeo para felicitar as festas e animar a vivir o Nadal no noso concello. A peza audiovisual estará, unha vez rematada, a disposición da veciñanza na canle oficial de YouTube do Concello de Poio, así como nos perfís de redes sociais, en Facebook e Instagram.
O alumeado de Nadal permanecerá operativo en Poio desde esta fin de semana e ata o 8 do xaneiro. En total, repartíronse máis de 270 adornos, entre os que non faltan arcos para as estradas, elementos en farolas ou un segundo ‘photocall’ en Combarro, por citar algúns exemplos. En canto ao horario de funcionamento, as luces permanecerán activas desde as 18.00 horas ata a 1.00 da madrugada. O devandito horario ampliarase ata as 4.00 horas do día seguinte nas noites de Noiteboa, Fin de Ano e Reis (24 e 31 de decembro e 5 de xaneiro, respectivamente). Isto supón unha redución con respecto a anos anteriores, co obxectivo de buscar un maior aforro enerxético, sen renunciar ao espírito do Nadal.
O alcalde Sobral confía en que esta primeira cita resulte “a mellor das benvidas a estas festas” e lembra que nos vindeiros días terá lugar a presentación da ampla programación de actividades que desde a Concellería de Cultura, dirixida pola nacionalista Raquel Rodríguez, se impulsarán para estas datas tan emblemáticas.



