HomeTabeirósA EstradaO BNG da Estrada emenda os orzamentos da Xunta para facer un...

O BNG da Estrada emenda os orzamentos da Xunta para facer un concello mellor

- Anuncio -spot_img

Xoán Reices: “O PP non pode estar instalado no non permanente ás necesidades do noso concello, ten que amosar empatía e sensibilidade coas demandas veciñais”

Montse Prado, deputada do BNG no Parlamento Galego, e Xoán Reices, candidato á alcaldía compareceron hoxe en rolda de prensa para dar a coñecer as emendas rexistradas polo BNG aos orzamentos da Xunta de 2023.

Xoán Reices explicou que “estas emendas supoñen unha emenda á totalidade ao goberno municipal do PP, que se caracteriza polo desleixo no que atinxe ao patrimonio e as infraestruturas”. “Así por exemplo”, engadiu o candidato nacionalista, “presentamos unha emenda de 487.425 euros para a recuperación da Torre e o Pazo de Guimarei, así como un plan de valorización da ponte medieval de Pontevea e a súa contorna (250.000 euros), declarada BIC grazas ao empeño do BNG da Estrada e de Teo”.

“No que ten a ver coas infraestruturas”, engadiu Reices, “introducimos emendas para mellorar o cruce de Baloira, que é un clamor entre os veciños de San Xiao, San Xurxo e Santo André de Vea; tamén pedimos melloras na estrada do Chedón (A Estrada-Pontecesures), chea de curvas e á que só lle eliminaron parcialmente os eucaliptos, que prexudican notablemente a circulación en canto hai un temporal”.

Reices tamén insistiu na mellor do acceso ao centro médico do Souto de Vea. “A pesar de que en 2009 aprobouse por unanimidade no Parlamento Galego, o PP segue ano tras ano votando en contra da emenda do BNG”, afirma Reices, “Nós seguiremos insistindo até conseguilo”.
O candidato nacionalista tamén indicou que “a Cidade do Moble tamén centra as emendas do BNG con 10.000.000 de euros, apostando pola xeración de emprego e polo sector do moble e da madeira do noso concello”.

“E xa por último”, explicou Reices, “cremos imprescindíbel dotar o noso concello dun centro de día grande, ben dotado, amplo e accesíbel. Neste sentido recordamos a nosa aposta por recuperar para este cometido o antigo centro de saúde, agora abandonado. Desde logo é un delito ter nestas condición un edificio tan grande e céntrico habendo necesidades que cubrir, como é o caso do centro de día.”

O candidato do BNG, Xoán Reices, pediu ao PP “certa empatía e sensibilidade coas demandas veciñais que trasladamos desde o BNG en forma de emendas aos orzamentos da Xunta. Estamos seguro que redundarán en facer da Estrada un concello mellor en todos os sentidos”. “O PP non pode estar instalado no non permanente ás necesidades do noso concello”, remata o candidato do BNG.

Publicacións Relacionadas