Alumnado do colexio Sagrado Corazón de Celanova visitou esta mañá en Pereiro de Aguiar o Parque da Igualdade, na contorna do encoro de Cachamuíña, acompañado por mestres e os deputados provinciais Luz Doporto e Pablo Pérez. Esta actividade está enmarcada na campaña de visitas guiadas organizadas pola Deputación de Ourense co gallo do 25 de novembro, o Día internacional da eliminación da violencia contra a muller.
Luz Doporto valora a actividade desta mañá como “moi produtiva, os colexios amosan a súa satisfacción por unha visita que queda enmarcada na planificación didáctica dos centros”. En concreto, o colexio Sagrado Corazón de Celanova realizou esta mañá varias actividades arredor do 25-N durante a visita ao Parque da Igualdade. Nesta liña, a deputada Doporto destaca que “o que queremos tamén é que este espazo sexa de uso colectivo para os colexios da provincia, non só mediante as visitas organizadas pola Deputación”.
As visitas guiadas no parque continuarán mañá coa visita do CEIP Rosalía de Castro de Xinzo de Limia, que foi adiada onte pola choiva, e seguirán desenvolvéndose á medida que se concerten novas datas cos colexios ourensáns.



