• A iniciativa ofrecerá asesoramento individual a demanda para a veciñanza, entidades e empresas que así o soliciten, ademais de actuacións grupais, segundo avanzou o edil responsable da área, Gregorio Agís (PSdeG-PSOE)
• A través desta ferramenta ofrecerase información e asesoramento sobre como interpretar a factura da luz, optimizando os custes, entre outras citas
A Concellería de Promoción Económica e Urbanismo impulsa o programa Ecoinnova Poio, unha iniciativa pioneira no concello que ten coma obxectivo mellorar e optimizar o aforro enerxético, incidindo na innovación sostible. O concelleiro responsable deste departamento, Gregorio Agís (PSdeG-PSOE), foi o encargado de dar a coñecer as liñas mestras deste programa, acompañado pola técnica municipal María José Suárez e Mariem Filgueira, de Sherpa Empresarial, encargada de desenvolver esta actividade.
“Atopámonos nun contexto complicado, no que detectamos unha necesidade que cubrir á hora de ofrecer medidas e propostas no que ao uso eficiente de enerxía se refire”, sinalou Agís, que incide en que o obxectivo de ‘Ecoinnova Poio’ é “implicar a toda a poboación á hora de acadar un maior aproveitamento enerxético. Queremos que se sumen particulares, comunidades veciñais, entidades e empresas de todo tipo”, engadiu.
Pautas para aforrar na casa, entender mellor a factura da luz e achegar información sobre subvencións que existen neste eido son algúns dos piares deste programa de asesoramento, que ofrece un servizo de carácter individual a demanda, para as persoas e entidades que así o soliciten, durante o que resta de 2022. “Esta é unha época chave, na que o Nadal e a climatoloxía son factores que poden facer que se disparen os custes dun xeito que, por descoñecemento, en moitas ocasións non somos quen de controlar. Iso é o que queremos cambiar a través de Ecoinnova”, salientou Gregorio Agís. Dentro do programa tamén se incluirán, asemade, dúas sesións grupais, que se celebrarán os días 14 e 20 de decembro, de 20.00 a 21.00 horas, no Casal de Ferreirós e no Centro de Formación da Reiboa, respectivamente. Na primeira destas convocatorias impartirase unha charla sobre a factura da luz, a través da cal se pretende da resposta a cuestións básicas sobre o tipo de tarifas contratadas e como obter un maior rendemento optimizando custes. As inscricións poden realizarse chamando ao 625120475. Ademais, tamén é posible anotarse enviando un correo electrónico á dirección ola@ecoinnovapoio.gal. Xa está tamén a disposición da cidadanía a páxina web www.ecoinnovapoio.gal, na que se ofrece toda a información sobre este novo programa.
O socialista Gregorio Agís tamén destacou o compromiso que o Concello de Poio mantén coa filosofía de apostar polo uso da eficiencia enerxética, unha das cuestións nas que se incide na Axenda 2030. Neste sentido, o edil do Goberno municipal lembrou varias das iniciativas que ao longo dos últimos anos, así como no mandato actual, se desenvolveron a través do departamento de Promoción Económica e Urbanismo, como foron a consecución de fondos europeos para a mellora da eficiencia enerxética en dependencias como o ximnasio, o pavillón da Seca ou a cuberta do Consistorio. Ademais, a día de hoxe estase avanzando na licitación para proceder á renovación de máis de 2.000 luminarias no municipio, para a instalación de unidades LED, o que redundará “nun maior servizo e nunha redución de custes moi importante”.
Tamén hai que salientar o descenso de gastos na factura da luz que acadou o Concello nos últimos anos en materia de consumo enerxético, cun descenso de preto de 500.000 euros entre 2013 e 2021. “Este ano, o contexto global dificultounos moito este proceso, pero imos continuar traballando nesta liña”, garantiu Gregorio Agís, que tamén recordou que a Administración local ofrece bonificacións no IBI para aqueles inmobles construídos antes de 2007 que se vaian a reformar apostando pola dotación de sistemas de enerxía renovable.



