• Marta Lucio: “A xente quere un cambio neste concello, e o PP é o único partido que pode garantilo”.
• Critican que a alcaldesa estea “máis preocupada en saír nas fotos da presidencia da Mancomunidade que en atender as necesidades dos veciños do concello”.
O presidente do PP de Pontevedra, Luis López, confirmou hoxe en Meis que a executiva provincial aprobou a proposta feita pola xunta local do partido, para que Marta Lucio sexa a candidata á alcaldía nas municipais de maio, “unha muller preparada, cunha longa traxectoria profesional e con experiencia en política, como concelleira e senadora. Unha das grandes expertas en xestión cultural que temos en Galicia”.
López, que se trasladou ata este concello acompañado pola secretaria xeral, Luisa Piñeiro, pediu “proxecto, traballo e unidade” para recuperar a confianza dos veciños e a alcaldía. “Hai un equipo de persoas moi amplo e moi bo que entende á perfección que este reto é de todos e que sen todos é imposible conseguir unha rotonda vitoria”.
Recordou que o PP gañou as eleccións en Meis en 2019, “o Partido Popular sempre gañas as eleccións en Meis”, e pediu intensificar o traballo para conseguir en maio unha maioría absoluta que lles permita recuperar a alcaldía “sen depender de ninguén”.
Para conseguilo, dixo que “é preciso presentar unha alternativa seria aos veciños que, ao longo destes catro anos, sufriron a un goberno moi cómodo detrás da pancarta e na confrontación permanente, como se aínda foran oposición. Está máis preocupada en saír nas fotos da presidencia da Mancomunidade que en atender as necesidades dos veciños de Meis”.
Pola súa parte, Marta Lucio agradeceu a confianza da xunta provincial, pero sobre todo da xunta local e do grupo municipal. “A xente quere un cambio en Meis, e o PP é o único partido que pode garantilo”, sinalou. Nesta liña, dixo que xa están intensificando o traballo nas aldeas, escoitando a todos e tendo en conta as súas preocupacións para presentar o mellor proxecto e o máis real. “Queremos ao noso concello e dóenos ver a parálise destes anos e os investimentos e oportunidades que se están perdendo”.
Para conseguir a confianza maioritaria dos veciños, Lucio dixo que seguirán traballando co mesmo compromiso e dedicación que estes meses e contará cunha
candidatura renovada, con representación de todas as parroquias e sectores, e que se combinará con persoas que aporten experiencia. “Meis e os seus veciños non merecen outros catro anos perdidos. Precisa un goberno forte e coas ideas claras, e preparado para gobernar desde o minutos un”, concluíu.



