• A media de idade das persoas inscritas nas formacións, todas elas gratuítas oscila entre os 40 e os 50 anos
• O concelleiro de Novas Tecnoloxías, Xulio Barreiro (BNG), lembra que as dependencias serán renovadas proximamente, pasando a contar con novos equipos informáticos, entre outras novidades
A Aula Cemit de Combarro, situada na antiga Escola do Campo, medrou na súa actividade ao longo do ano que está a piques de rematar. A falta de que finalicen os cursos organizados neste mes de decembro, as inscricións nas accións formativas, todas elas de carácter gratuíto, foron de preto de 300. En total, ademais, ofertáronse máis de 700 horas de actividade, das cales 513 corresponderon a ciclos e cursos, mentres que os restantes responden ao servizo de Aula Aberta.
Segundo o informe elaborado polo técnico responsable da xestión da aula, a media de idade dos e das asistentes oscila entre os 40 e 50 anos, cun reparto moi similar entre homes e mulleres. Asemade, a maioría dos cursos corresponderon a clases de iniciación no uso de diferentes programas e aplicativos (concretamente, o 66% do total das horas ofertadas), mentres que o resto estivo dirixido a xente cun nivel medio en canto a coñecementos. A todo isto hai que sumar tamén outras servizos operativos na Aula Cemit, como é o das titorías, a través da cal a persoa responsable de impartir estes ciclos ponse a disposición dos usuarios e usuarias para resolver calquera tipo de dúbida.
O concelleiro de Novas Tecnoloxías, o nacionalista Xulio Barreiro, fai un balanzo moi positivo da actividade rexistrada nestas dependencias. Ademais, tamén adianta que proximamente se levará a cabo unha remodelación das instalacións. Entre as melloras a realizar, destacan o cambio dos ordenadores actuais por terminais “de última xeración”.
Asemade, a aula pasará a contar cun sistema de videoconferencias e novo equipo de son, así como con pantallas auxiliares “que sen dúbida axudarán a facilitar o seguimento das actividades da aula”.
Cursos en decembro
Con respecto á oferta do mes de decembro, coa que se pecha a programación de 2020, hai que salientar que a Aula Aberta estará operativa ata o venres 16, en horario de 19.30 a 21.00 horas. Durante ese período calquera persoa poderá facer uso dos ordenadores, previo rexistro. Ademais, as asociacións do municipio poden reservar o uso da aula, previa solicitude.
Pola súa banda, os cursos xa deron comezo esta semana, cunha formación sobre como mercar de xeito seguro en Internet, que combinou o carácter presencial e ‘on-line’.
Ademais, esta semana tamén tivo lugar un ciclo sobre como levar a cabo de xeito virtual, na rede ou nas aplicacións dos dispositivos móbiles, tramitacións de interese, como a solicitude cita previa, a obtención da Vida Laboral ou a descarga de formularios de diferentes solicitudes.
Xa de cara á vindeira semana, do 12 ao 16 de decembro haberá dous cursos para traballar con follas de cálculo Libreoffice Calc, un a modo de iniciación e outro para usuarios e usuarias de nivel medio. As clases serán de 17.30 a 19.30 e de 16.00 a 17.30 horas, respectivamente. Do luns 19 ao xoves 22 ofertarase un ciclo gratuíto de realización de follas de cálculo con Libreoffice Calc, de 17.30 a 19.30 horas.



