A comisión de seguimento do programa analizou a memoria de actividades do 2022, na que destaca a incorporación de oito concellos máis ata completar unha lista de 48 entidades locais adheridas.
As cifras, valorou o deputado de Cooperación, Pablo Pérez, “confirman que estamos conseguindo o principal obxectivo que nos marcamos: dinamizar os espazos culturais nos concellos da provincia”. Avanza que “para dar resposta a esta positiva acollida será preciso estudar un esforzo económico adicional”
Entre as actividades máis demandadas na rede, con preto dunha vintena de pases, figuran a película de aventuras Life is Live e a cinta de animación Valentina, ambas producidas co patrocinio da Deputación.
A Rede provincial de Auditorios de Ourense (ReaOU) programou durante o presente ano 101 espectáculos aos que asistiron máis de 9.000 persoas, “unha cifra que, xunto á incorporación de oito concellos máis a este plan, confirma que estamos conseguindo o principal obxectivo que nos marcamos: dinamizar os espazos culturais nos concellos da provincia”. O deputado de Cooperación, Pablo Pérez, valorou así a memoria de actividades da rede, logo de presidir a comisión de seguimento do programa, reunida no Centro Cultural Marcos Valcárcel coa presenza da deputada de Cultura e Proxectos Audiovisuais, Patricia Torres, o secretario xeral da Deputación, Juan Marquina, e unha ampla representación dos concellos adheridos a ReaOU.
O continuo incremento no número de membros da rede e dos espectáculos programados “é toda unha satisfacción”, afirmou Pablo Pérez, pero tamén unha maior responsabilidade “en tanto temos que poñer todos os recursos ao noso alcance para dar resposta a esta positiva acollida”. Nesta liña, Pérez avanzou que “será preciso estudar un esforzo económico adicional”.
No presente ano, a Rede provincial de Auditorios de Ourense contou cun orzamento de 180.000 euros, dos que 150.000 foron achegados pola Deputación e o resto polos concellos adheridos cunha cantidade variable en función do caché de cada espectáculo ou artista.
Polo que respecta aos membros da rede, este ano tamén aumentou o número de integrantes coa incorporación de oito concellos máis: Avión, O Irixo, Larouco, Laza, A Mezquita, Rairiz de Veiga, Taboadela e Vilar de Barrio. En total, 48 concellos forman parte do programa, cifra que aumentará nos próximos días unha vez que Chandrexa de Queixa asine a súa adhesión.
Variedade de espectáculos e estilos
En canto aos espectáculos, a variedade de estilos é unha das súas principais características, coa proxección de películas, concertos de música, corais, teatro e ata maxia. Entre as actividades máis demandadas, con preto dunha vintena de pases, figuran a película de aventuras Life is Live e a cinta de animación Valentina, ambas producidas co patrocinio da Deputación.
A Rede de Auditorios e Espazos Culturais de Ourense (ReaOU) constituíuse en 2017 co obxectivo de ofrecer unha programación cultural coordinada entre a Deputación, que asume nunha porcentaxe maioritaria os custos, e os concellos, levando espectáculos de gran calidade ao rural ourensán. Para adherirse a este programa, tal e como recollen as bases, os concellos deben posuír espazos tales como auditorios, salas multiusos, centros socioculturais ou teatros.



