O presidente da Deputación e presidente da Asociación Europea de Cidades Históricas Termais (EHTTA) repasou as fortalezas termais da provincia despois da celebración do VI Cumio Europeo da Industria do Turismo de Saúde, desenvolvido no Parlamento Europeo
Manuel Baltar subliña a importancia do sector termal ourensán “nun momento de pospandemia, onde todas as institucións comunitarias teñen claro que o obxectivo da saúde tamén está vinculada ao turismo”. Unha significativa vantaxe “para todos aqueles lugares onde podemos presumir de recursos endóxenos propios”
O presidente da Deputación de Ourense e presidente da Asociación Europea de Cidades Históricas Termais (EHTTA), Manuel Baltar, destacou en Bruxelas o potencial do termalismo ourensán na construción de destinos turísticos de saúde. Baltar repasou as fortalezas termais da provincia despois da celebración na capital comunitaria do VI Cumio Europeo da Industria do Turismo de Saúde, desenvolvido no Parlamento Europeo coa participación de destacadas organizacións.
Manuel Baltar, que tamén representa ás provincias europeas na súa condición de presidente de Partenalia, a asociación europea de gobernos provinciais intermedios, subliña a importancia do sector termal no territorio ourensán “nun momento de pospandemia, onde todas as institucións comunitarias teñen claro que o obxectivo da saúde tamén está vinculada ao turismo”. Unha significativa vantaxe neste ámbito, engade, “para todos aqueles lugares onde podemos presumir de recursos endóxenos propios”.
Este cumio reuniu no Parlamento Europeo a representantes públicos e expertos “co importante obxectivo de analizar os desafíos aos que nos enfrontamos e as oportunidades que temos os lugares termais para a construción de destinos de saúde”, destaca Manuel Baltar. O plan “Ourense, a provincia termal”, o programa de dixitalización da oferta balnearia da provincia, a próxima apertura dun noveno establecemento termal na provincia, e o gran hotel balneario de referencia en Europa que se proxecta no Pazo Provincial “nos sitúan, sen ningún xénero de dúbida, nunha posición de vantaxe que non pasará desapercibida para os países e os turistas da nosa contorna”, afirma o presidente do goberno provincial ourensán.
O Cumio Europeo da Industria do Turismo de Saúde reúne desde hai máis dun lustro a delegacións de máis de cincuenta países, coa presenza de organizacións, representantes públicos e profesionais do turismo termal, médico e do benestar. Desde 2021 esta cita vén de reforzar o desenvolvemento de Europa como destino de saúde, mostrando nas súas citas as iniciativas que se están a realizar nos distintos lugares termais.
A convocatoria deste ano estivo organizada polo eurodeputado húngaro István Ujhelyi, vicepresidente da Comisión de Transportes e Turismo, membro da Comisión de Medio Ambiente, Saúde Pública e Seguridade Alimentaria, e embaixador especial da Organización Mundial do Turismo (OMT), entidade coa que a EHTTA asinou este mesmo ano un convenio de colaboración para seguir avanzando na consolidación do termalismo como un recurso socioeconómico chave para os territorios, e que xa respaldou o pasado setembro a celebración en Ourense do Congreso Internacional de Turismo Termal.



