• O Centro Cultural Xaime Illa acollerá a representación da obra Dous no Camiño, mentres que na igrexa de San Salvador terá lugar o tradicional Concerto de Panxoliñas a cargo da Coral de Poio
• Desde esta fin de semana pódese visualizar na canle de Youtube do Concello o vídeo promocional do Nadal, gravado durante o acto de prendido da iluminación
O programa de Nadal deseñado pola Concellería de Cultura dará comezo oficialmente este domingo, 11 de decembro, coas súas primeiras actividades. O Centro Cultural Xaime Illa ofrecerá unha sesión de teatro de humor coa obra de Isabel Risco e Fran Rei, “Dous no Camiño”. O mesmo día, a igrexa de San Salvador será o escenario do tradicional Concerto de Panxoliñas, organizado pola Coral de Poio, coa coral convidada “Voces Amigas” de Moraña. Ambas citas serán con entrada libre a partir das 19.00 horas.
A edil responsable da área, Raquel Rodríguez (BNG), lembra que estas dúas iniciativas son o arranque dunha programación “moi ampla e variada”, que en engloba máis de 30 actividades ata o vindeiro 8 de xaneiro, entre as que a maxia, a música, o deporte, as Badaladas de San Martiño ou a chegada dos Reis Magos cobrarán un gran protagonismo.
Ademais, a partires da vindeira semana os Trasnos de Nadal realizarán unha visita aos centros educativos do municipio.
Por outra banda, xa está a disposición da cidadanía o vídeo oficial de felicitación das festas, gravado durante o acto aberto organizado para prender a iluminación de Nadal, que congregou a máis de 200 persoas ás portas do Consistorio. A peza pódese visualizar na canle oficial de YouTube do Concello. Precisamente, nestes días concluirán as tarefas para completar a instalación dos adornos luminosos ao longo das cinco parroquias, que ascenden a preto de 300. “Durante as pasadas semanas realizáronse a maior parte dos traballos, pero aínda quedaban algunhas zonas por cubrir, algo que se está a rematar nestes días”, indica Raquel Rodríguez, que recorda que este ano o alumeado estará prendido entre as 18.00 e as 1.00 horas (con ampliación ata as 4.00 horas nas noites de Noiteboa, Fin de Ano e Reis), para acadar un maior aforro enerxético, “sen que iso supoña unha renuncia para ambientar e promover o espírito festivo destas datas tan especiais”.



