HomeOurenseO Concello ultima as bases dos bonos para consumir no comercio e...

O Concello ultima as bases dos bonos para consumir no comercio e hostalaría local, que prevé aprobar este mes e activar a comezos de 2023

- Anuncio -spot_img

O alcalde informou os grupos da folla de ruta desta iniciativa e dos avances na elaboración da nova ordenanza de veladores, que prevé aprobar en decembro na Xunta de Goberno e levar despois ao Pleno

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome reuniuse esta mañá na Xunta de portavoces con representantes de todos os grupos políticos municipais para avanzar en dúas iniciativas que está a impulsar o goberno municipal. Por unha banda, a campaña de bonos, por importe de 100 euros, que o Concello porá en marcha para incentivar o consumo no comercio e na hostalaría da cidade e, por outra, a elaboración e aprobación da nova ordenanza municipal reguladora da instalación e uso de terrazas de veladores en espazos de uso público do Concello.

O alcalde avanzou que o goberno municipal prevé aprobar as bases dos bonos na Xunta de Goberno Local no presente mes de decembro, de xeito que poidan estar operativos a comezos do ano 2023, posiblemente xa no mes de febreiro. O goberno municipal, explicou, establecerá unha proposta para a utilización destes bonos “moi práctica, con pouca burocracia” polo que, asegura, ”será a mellor campaña de bonos que se teña implantado nunca en España”. O rexedor discrepa da proposta de bases realizada polo grupo do BNG, que considera “un desatino absoluto”. Afirma a este respecto que “non ten xeito ningún porque propoñen que se tope en 5.000 euros o máximo que se pode gastar en cada establecemento. Tendo en conta que son 10 millóns de euros, se hai un tope de 5.000 euros, daríase a situación surrealista de que non habería establecementos onde gastar os 10 millóns”. Afonda o alcalde que “en seguida encherías a cota dos dispoñibles e terías que facer unha especie de sudoku buscando en que sitios de Ourense se pode gastar porque en moitos se tería chegado ao tope dos 5.000”, asegura.

En canto á ordenanza de veladores, o alcalde explicou que o documento “se está consensuando con todo o mundo, porque houbo 160 alegacións e moitas se estimaron, tanto de partidos políticos, sobre todo de PSOE e BNG, asociacións, cidadáns…” Os traballos, dos que o alcalde destacou o carácter técnico, están sendo desenvolvidos polo coordinador xeral do Concello, Francisco Cacharro. A folla de ruta do grupo de goberno é aprobar este mes na Xunta de Goberno Local o proxecto de ordenanza e presentala para aprobación por parte do Pleno do Concello a comezos de 2023.

Publicacións Relacionadas