Home A Coruña O proxecto de Cabo Ortegal, proposto oficialmente para ser Xeoparque Mundial da...

O proxecto de Cabo Ortegal, proposto oficialmente para ser Xeoparque Mundial da UNESCO en 2023

- Anuncio -

O Consello de Xeoparques da UNESCO acaba de propoñer formalmente que o proxecto do Cabo Ortegal entre na rede de xeoparques mundiais en 2023. Durante os días 7, 8 e 9 de decembro, o Consello celebrou a súa segunda xuntanza neste ano para avaliar as candidaturas aspirantes a obter o ansiado distintivo internacional, que acredita un excepcional patrimonio xeolóxico xunto coa existencia dun plan que vincula ese patrimonio co desenvolvemento sostible. Do encontro, celebrado por vía telemática, saíron once informes favorables, un deles o do Cabo Ortegal, que concitou o apoio unánime do Consello. Os sete municipios integrados na Asociación para a Xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal (AXCO), que seguiron as deliberacións ao vivo desde Cariño, recibiron a noticia con grande satisfacción, ademais de cualificala como «un fito histórico» tras sete anos de intenso traballo. Tal e como sinalou o presidente da entidade, José Miguel Alonso Pumar, o apoio do Consello de Xeoparques «é o penúltimo paso e o máis importante» para acadar a designación oficial, que será ratificada polo Comité Executivo da UNESCO o próximo mes de maio. Deste modo, o ámbito de Cabo Ortegal converterase no primeiro xeoparque da provincia da Coruña, o segundo de Galicia e o único da Península Ibérica que obterá a declaración internacional no ano que entra.

Os membros do Consello de Xeoparques da UNESCO con dereito a voto destacaron durante as deliberacións a calidade da candidatura presentada polo territorio do Cabo Ortegal, por tratarse dun ámbito ben delimitado xeograficamente e polo seu alto valor para a comprensión dun dos capítulos da historia do planeta. Ademais tamén apuntaron como fortaleza o alto grao de compromiso social e político co proxecto encabezado pola Asociación para a Xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal, da que forman parte os concellos de Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño, con apoio económico da Área de Turismo da Deputación da Coruña.

Os alcaldes e a alcaldesa dos concellos implicados, ademais do vicepresidente da Deputación e responsable da Área de Turismo, Xosé Regueira, o xeólogo Fran Canosa e os membros da GoodLife, Jacobo Suárez e María Mesías, seguiron de preto como observadores as xuntanzas virtuais desenvolvidas o mércores 7 e o xoves 8 de decembro polo Consello de Xeoparques, o organismo que ten o poder de decisión sobre que territorios son admitidos, cales son rexeitados e cales deben facer melloras nas súas candidaturas antes de poder acceder á rede. Aínda que a aprobación da petición de Cabo Ortegal se produciu o xoves, a información ao respecto debeu agardar ata que foi publicada oficialmente pola UNESCO no serán deste venres.

A proposta presentada pola Asociación para a Xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal (AXCO) chegou ao Consello respaldada polo informe favorable emitido polos avaliadores internacionais Chris Woodley-Stewart e César Goso, quen percorreron o territorio nos últimos días de agosto e os primeiros de setembro para coñecer in situ os principais lugares de interese xeolóxico, pero tamén para manter encontros con responsables políticos, entidades e empresas, de cara a sondear a implantación e a visibilidade do proxecto no ámbito dos sete concellos.

Entre outras fortalezas, Goso e Woodley-Stewart -así como outros cinco xeólogos que revisaran previamente a documentación da candidatura- sinalaron a relevancia mundial da xeoloxía da zona, principalmente, aínda que non a única, a relacionada co proceso da Oroxenia Varisca e os afloramentos de rochas procedentes do Manto terrestre xurdidos no Paleozoico -hai arredor de 450 millóns de anos- a raíz da colisión de Laurussia e Gondwana durante a súa integración no macrocontinente Panxea.

Porén, a maiores da rica xeodiversidade, a misión de avaliación tamén valorou positivamente a espectacularidade da paisaxe, o patrimonio natural, a identidade cultural do territorio -a tanxible e a intanxible, sobre todo a lingüística-, e a implicación social e institucional para executar o plan de desenvolvemento sostible definido na candidatura. Como recomendacións só anotaron catro, xa avanzadas durante a visita de finais de agosto: continuar mellorando a información interpretativa dos espazos de importancia xeolóxica, que o proxecto conte con persoal de xestión propio, ampliar os programas educativos e, por último, proseguir co traballo de implicación e identificación social co proxecto dándolles ás empresas locais a posibilidade de se converter en “Amigas do Xeoparque”, igual que ocorre xa coas asociacións veciñais, clubes e outros colectivos.

En palabras de Chris Woodley-Stewart -que tamén seguiu en directo as deliberacións do Consello-, os case 800 Km² do proxecto son «un lugar fermoso e cun sentido de comunidade marabilloso, a xente valora realmente o que ten aquí. Fíxose un grande traballo para axudarlle a descubrir, gozar e comprender o seu patrimonio xeolóxico, fusionado coa celebración da natureza e da cultura galega. Será un Xeoparque Mundial da UNESCO excepcional, do que a comunidade pode estar moi orgullosa», dixo o avaliador e director científico do North Pennines UGGp, un dos oito xeoparques do Reino Unido.

Deste modo, a área de Cabo Ortegal será un dos 18 novos territorios que se incorporarán á rede global de xeoparques na primavera do ano que vén, despois de que o Comité Executivo da UNESCO ratifique a proposta do Consello de Xeoparques, previsiblemente na reunión fixada para o día 24 de maio de 2023. Trala ratificación haberá 195 espazos de 46 países declarados como UNESCO Global Geopark, un selo ao mesmo nivel que o de Patrimonio da Humanidade pero, se cadra, aínda máis exclusivo polo longo camiño que se debe percorrer antes de conseguilo e polas rigorosas condicións que se deben cumprir para mantelo.

Satisfacción na asociación de municipios e no propio Consello internacional
O presidente de quenda da AXCO, José Miguel Alonso Pumar, mostrouse «moi satisfeito» tras coñecer o apoio á candidatura por parte do Consello. «Os membros do Consello de Xeoparques Mundiais da UNESCO fan unha análise moi exhaustiva de todas as candidaturas que pasaron os filtros de cada país. Foi un exame moi minucioso e rigoroso da documentación que tivemos que presentar e dos informes de avaliación elaborados polos seus enviados ás misións de campo».

O Consello ten a última palabra e plenas competencias para rexeitar unha candidatura se os seus 12 membros con dereito a voto consideran que non cumpre os requisitos para ser xeoparque, aínda que conte con todos os informes previos favorables. No caso da candidatura de Cabo Ortegal a decisión tomouse en menos de quince minutos de deliberacións e estivo clara desde o primeiro momento. «Durante dous días asistimos a longas disquisicións de análise doutros territorios aspirantes, algunhas delas desfavorables. Pero cando nos tocou a nós, a postura do Consello foi unánime. Todas e cada unha das intervencións dos membros foron para louvar a calidade e o interese do noso proxecto e como se adecúa perfectamente ao que pretenden os xeoparques, que é o desenvolvemento local a través da xeoloxía. Todos eles dixeron que era unha proposta fantástica e incluso deixaron ver a súa satisfacción porque nós tamén vaiamos ser xeoparque», relata Alonso Pumar.

O rexedor de Cariño explica que a decisión do Consello «é o penúltimo paso e o máis importante” de todo o proceso, xa que significa a agardada luz verde para que Cabo Ortegal acceda á rede mundial de xeoparques, que funciona de maneira coordinada a nivel global compartindo coñecemento e boas prácticas en distintos ámbitos. «É un fito histórico que abre grandes posibilidades de desenvolvemento para o noso territorio. Seguramente sexa o proxecto de colaboración intermunicipal máis potente e con maior repercusión que se ten levado a cabo na nosa comarca. Demostramos que desde concellos pequenos, traballando conxuntamente, que é unha das nosas fortalezas principais, podemos conseguir que a nosa zona teña unha relevancia de carácter mundial».

Porén, Alonso Pumar tamén precisa que «agora comeza o traballo máis duro» na liña de executar unha estratexia «coa máxima participación social» e co principal obxectivo de que a riquísima e excepcional xeoloxía da zona «sexa un motor socioeconómico relacionado co coñecemento, o xeoturismo, a cultura, a posta en valor do patrimonio material e inmaterial e os produtos e servizos de proximidade, sempre sen perder de vista a premisa da sostenibilidade».

Ademais, engade o presidente da AXCO, o distintivo de Xeoparque Mundial da UNESCO «non é para sempre, senón que se nos concederá por un período de 4 anos, de 2023 a 2027, e ao final deberemos pasar unha reválida internacional conforme seguen cumpríndose os requisitos que implica ser xeoparque. Incluso se pode dicir que é máis difícil conservar o selo internacional en anos sucesivos que obtelo a primeira vez».

Coas miras postas na ratificación do próximo 24 de maio e «a execución das recomendacións que nos fixo a UNESCO», desde a Asociación para a Xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal tamén se quixo expresar o agradecemento «a todo o persoal técnico, persoas a título individual, entidades e Administracións que levamos traballando tanto tempo para que este proxecto sexa unha realidade. Todas e todos debemos sentir un grande orgullo por converternos no primeiro xeoparque da provincia da Coruña, o segundo que existirá en Galicia (o outro é Montañas do Courel) e o único que obterá a declaración internacional na Península Ibérica en 2023».

Relacionadas

O bravú celebra os seus 30 anos mañá no Colón cun documental e un...

0
O Goberno de Inés Rey promove este evento no que se proxectará un documental e haberá unha actuación de Orquestra Bravú Xangai con moitas...

Unhas 900 persoas acudirán mañá á “XXXV Gala do Deporte de Narón” no Pazo...

0
O Pazo da Cultura de Narón acollerá mañá unha nova edición, a trixésimo quinta, da “Gala do Deporte de Narón”. A alcaldesa, Marián Ferreiro,...

O próximo luns ábrese o prazo de inscrición nesta iniciativa, froito da colaboración entre...

0
A Asociación micolóxica Viriato organiza a próxima semana, coa colaboración do Concello, as “IV Xornadas micolóxicas de Neda”. Trátase dunha actividade gratuíta de iniciación...

Neda desenvolverá a vindeira semana unha nova edición das súas Xornadas micolóxicas

0
O próximo luns ábrese o prazo de inscrición nesta iniciativa, froito da colaboración entre a Asociación Viriato e o Concello A Asociación micolóxica Viriato organiza...

Cariño conmemorará o 25N coa lectura dun manifesto, unha marcha e un taller formativo...

0
• O Concello participa este ano nunha campaña conxunta con Mañón, Cerdido e Ortigueira. O Concello de Cariño conmemorará o 25N, Día Internacional para a...

Veciñanza da Pobra elabora xabóns ao abeiro dos obradoiros de artesanía Feito coas túas...

0
O obradoiro de confección de xabóns impartido por Flow de Meiga marca o final do programa Feito coas túas mans, impulsado pola Concellaría da...

Publicacións Relacionadas