HomePontevedraPoioPoio reduce en preto dun 10% as emisións de carbono e avanza...

Poio reduce en preto dun 10% as emisións de carbono e avanza cara os obxectivos medioambientais marcados na Axenda 2030

- Anuncio -spot_img

• O Concello, grazas ás actuacións efectuadas nos últimos anos, está en disposición de chegar ao 40% antes do ano 2030, tal e como establece o Pacto das Alcaldías Para o Clima e a Enerxía (PACES)

• Reducir a pegada de carbono e seguir apostando pola eficiencia enerxética son obxectivos que tamén se inclúen na campaña Poio en Verde, tal e como lembra a edil de Patrimonio e Seguridade Cidadá, a nacionalista Marga Caldas

O Concello de Poio foi quen de reducir en preto dun 10% as emisións de CO2 nos últimos anos, grazas ao impulso de diferentes iniciativas e actuacións encamiñadas a dar cumprimento ao compromiso adquirido coa súa adhesión ao Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sostible (PACES), ao que se sumou en novembro de 2020. Así se reflicte no informe elaborado pola entidade responsable de realizar o seguimento do devandito plan. Tal e como lembra a concelleira de Seguridade Cidadá e Patrimonio, Marga Caldas (BNG), esta folla de ruta é un dos compromisos adquiridos pola Administración local desde que se sumou ao Pacto das Alcaldías a principios de 2019. “O documento corrobora que nos atopamos no bo camiño para a consecución dos obxectivos marcados”, apunta.

Deste xeito, de continuar consolidando esta tendencia nos vindeiros anos, “chegaremos á porcentaxe de redución de emisións de carbono estipulada na Axenda 2030”, explica Caldas, que lembra que este informe de seguimento supón unha ferramenta efectiva “para avaliar, controlar e comprobar o estado dos obxectivos propostos. Estamos nunha situación moi boa, pero seguiremos traballando para continuar consolidando a Poio como un concello de referencia no que a sostibilidade enerxética e respecto polo medio ambiente se refire”, engade a edil nacionalista, que lembra, precisamente, que esta é unha das metas que se inclúen dentro da campaña Poio en Verde, impulsada de xeito transversal polas áreas de Medio Ambiente, Educación, Seguridade Cidadá, Patrimonio e Deportes, na que tamén se aposta polo fomento de hábitos saudables e a dotación de espazos de esparcemento ao aire libre.

O informe constata, asemade, que Poio está cumprindo tamén cos pasos necesarios para continuar mellorando estes resultados. Así, neste traballo de seguimento faise fincapé en máis de 20 iniciativas, programas e accións que, ou ben xa foron levadas a cabo con éxito, ou que se atopan en estado de execución. A mellora da envolvente térmica en infraestruturas municipais, campañas de aforro enerxético, a renovación da frota municipal ou a humanización en rúas e vías nas que se aposta polo tránsito peonil en detrimento do vehículo son algunhas das actuacións realizadas e consolidadas ao longo do presente mandato. Tamén hai que destacar o éxito do tratamento do lixo a través de ferramentas como a compostaxe ou o Punto Limpo Móbil e os incentivos fiscais que se aprobaron en 2022 para fomentar a adquisición de automóbiles eficientes e non contaminantes.

“O informe tamén define as actuacións que debemos seguir de cara ao futuro para adaptarnos ao cambio climático e na loita contra a pobreza enerxética, cuestións nas que tamén debe existir un compromiso firme por parte da cidadanía”, salienta Marga Caldas.

Enquisa virtual

Precisamente, con respecto á implicación cidadá, a concelleira do Goberno municipal salienta que un dos apartados importantes deste estudo foi a enquisa virtual a través da cal os veciños e veciñas de Poio tiñan a posibilidade de realizar as súas achegas e suxestións sobre todo o relacionado co cambio climático e a eficiencia enerxética. Así, o 83% das persoas participantes no cuestionario recoñecen ter realizadas xa accións encamiñadas a abaratar os custes enerxéticos. Ademais, o 100% amósase partidario de que o Concello conte con partidas específicas encamiñadas a mitigar as consecuencias do cambio climático.

Con respecto ás actividades de interese vencelladas a este eido, a máis votadas foron as relacionadas con charlas informativas sobre as tarifas da luz e sobre axudas económicas, así como a compostaxe.

Publicacións Relacionadas