• Cubela: “Son materiais imprescindibles para poder levar a cabo esta actividade e que teñen un prezo elevado, que en moitas ocasións poden supoñer unha barreira para acceder a este tipo de actividades”.
O grupo provincial do Partido Popular trasladará ao pleno deste mércores, 21 de decembro, na Deputación de Pontevedra as reclamacións das asociacións e agrupacións culturais da provincia e proporá a aprobación dunha liña de axudas para adquirir ou renovar as súas vestimentas e instrumentos.
O voceiro popular, Jorge Cubela, sinala que a provincia de Pontevedra é coñecida e recoñecida por contar cun tecido asociativo e cultural moi extenso, que xoga un papel fundamental non só na promoción da nosa cultura, senón como dinamizadores para recuperar a nosa tradición. Nesta senso, di que a maior parte delas son entidades privadas sen ánimo de lucro, desde corais a grupos de baile ou música galegas… “A Deputación de Pontevedra mantén as axudas que esta institución leva moitos anos repartindo entre as escolas de música municipais, pero non conta con ningún tipo de axuda para outras agrupacións musicais que tamén fan unha importante labor na nosa provincia para o dinamismo e desenvolvemento rural da provincia”.
Explica que destas axudas beneficiaríanse as asociacións culturais establecidas nos concellos da provincia, para a adquisición e renovación de vestimenta ou instrumentos. “Son materiais imprescindibles para poder levar a cabo esta actividade e que teñen un prezo elevado, que en moitas ocasións poden supoñer unha barreira para acceder a este tipo de actividades. Moitos colectivos non teñen fondos suficientes para poder sufragar estes gastos, polo que recaen directamente nos integrantes de cada agrupación. Por iso, esta situación non pode ser unha barreira nin para acceder á cultura nin para difundila. E por iso a Deputación de Pontevedra pode xogar un papel importante para garantir a supervivencia de todo este tecido asociativo tan rico que temos na nosa provincia”, sostén.
Por último, recorda que son moitas as vantaxes que ofrecen este tipo de entidades: desde revitalizar a cultura e fomentar o desenvolvemento social, ata a preocupación e defensa do patrimonio, como foro de encontro e de participación… “Estas agrupacións da provincia están preocupadas polo seu futuro e o dos seus integrantes. É necesario escoitalos e atendelos, dar resposta ás súas reclamacións e necesidades, e por iso este mércores seremos o seu altavoz no pleno da Deputación de Pontevedra”.



