HomePontevedraPoioAvanzan a bo ritmo as obras de renovación da superficie do pavillón...

Avanzan a bo ritmo as obras de renovación da superficie do pavillón polideportivo da Seca

- Anuncio -spot_img

• A concelleira de Deportes, Marga Caldas (BNG), supervisou os traballos, que contan cun orzamento aproximado de 200.000 euros

• Nos últimos días tamén se procedeu a reforzar as luminarias do campo de fútbol

A edil de Deportes, Marga Caldas (BNG), vén de pasar revista estes días ás obras que desde principios deste mes de decembro se están a acometer no pavillón polideportivo da Seca, na parroquia de San Xoán, e que supoñen a renovación integral da superficie. Acompañada polo enxeñeiro municipal, a concelleira nacionalista comprobou que a primeira fase dos traballos avanzan a moi bo ritmo. “A día de hoxe a empresa adxudicataria xa procedeu a levantar o firme antigo e está a traballar na reparación das deficiencias detectadas”, explicou Caldas Moreira, que lembra que, grazas a este proxecto, o pavillón da Seca contará cunha nova superficie de primeira calidade. “Esta é unha infraestrutura de referencia na bisbarra, na que adestran e compiten clubs e deportistas de primeiro nivel, polo que desde o Concello temos claro que hai que apostar de xeito decidido pola súa posta a punto para que isto siga sendo así”, sinala a titular de Deportes.

Cómpre lembrar que a actuación conta con un orzamento que se achega aos 200.000 euros, IVE engadido, e que se prolongará durante varios meses. Nese tempo, os e as deportistas que fan uso habitual destas instalacións poderán continuar cos seus adestramentos e competicións noutros pavillóns da contorna. “Agradecemos a comprensión dos e das afectadas, cos que estivemos en contacto en todo momento para informar dos detalles da obra e dos lugares nos que adestrarán mentres duren os traballos”, indicou Marga Caldas, que tamén agradece a predisposición amosada por outras institucións e concellos á hora de colaborar.

Mellora do sistema de iluminación no campo de fútbol

Por outra banda, a concelleira de Deportes tamén informa de que nos últimos días o Concello procedeu á reforzar o sistema de iluminación no campo de fútbol da Seca. Foi unha actuación que se levou a cabo dando resposta a unha petición de usuarios e usuarias, a fin de mellorar o servizo. Hai que recordar que estas instalacións contan con luminaria led, o que supón un mellor aproveitamento enerxético, ademais de reducir os custes de consumo.

Publicacións Relacionadas