O alcalde, Gonzalo Jácome, entregoulle o premio ao alumno de 1º de Primaria, cuxo debuxo será a felicitación oficial do Concello este Nadal
Lucas Estévez Alonso, alumno de 1º curso de Educación Primaria do CPR La Purísima, é o gañador do Certame infantil de debuxo de postais de Nadal convocado pola Concellería de Educación do Concello de Ourense.
O alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, visitou esta mañá o centro educativo para facerlle entrega do premio ao neno, cuxo traballo resultou elixido polo xurado entre un total de 177 postais presentadas por alumnas e alumnos de 1º curso de Educación Primaria de 14 centros educativos da cidade.
O xurado estivo formado pola artista visual Isabell Seidel, a directora de Espazos expositivos do Concello de Ourense, Eva Torres, e pola coordinadora de Programas educativos do Concello, Sara Dacal.
A postal deseñada por Lucas Estévez Alonso será a que utilizará desde hoxe o Concello de Ourense como felicitación oficial do Nadal 2022.



