A exposición “Sorolla. Orígenes” inaugurouse esta mañá en Madrid coa asistencia do vicepresidente segundo da Deputación, César Fernández
A cesión desta obra enmárcase nos preparativos para a exposición da colección artística da Fundación Santamarina – Temes, que organizará a Deputación de Ourense
Esta mañá tivo lugar no Museo Sorolla de Madrid a inauguración da exposición “Sorolla. Orígenes”, unha mostra que se realizará desde hoxe ata o 19 de marzo de 2023 e na que se exporá unha obra do pintor valenciano cedida pola Deputación de Ourense e pertencente á Fundación Santamarina – Temes, depositaria dos bens da marquesa e filántropa que da nome á Fundación.
A peza cedida pola Deputación de Ourense é unha acuarela de 30 x 22,5 centímetros. Realizada con lápiz sobre papel, é unha orla decorativa de agradecemento adicada por Sorolla ao seu mestre José Estruch, realizada polo pintor en 1878, con 15 anos.
O vicepresidente segundo da Deputación, César Fernández, asistiu esta mañá á inauguración da exposición no Museo Sorolla, resaltando a importancia que ten para Ourense estar presente deste xeito nunha “exposición de primeiro nivel e que é, sen dúbida, un novo preludio do que será a mostra arredor da colección da Fundación Santamarina, unha aposta deste goberno provincial que permite seguir afondando e reivindicando o patrimonio ourensán”.
“Sorolla. Orígenes” é unha mostra temporal organizada polo Museo Sorolla e a Fundación Museo Sorolla coa colaboración do Museo de Belas Artes de Valencia, que pretende mostrar os primeiros pasos de Joaquín Sorolla na pintura. Esta exposición componse de 93 obras -57 cadros, 6 debuxos, unha orla, unha acuarela, 26 fotografías, unha medalla e un azulexo-. Das 93 pezas, 25 son procedentes de coleccións particulares, 26 doutras institucións -entres as cales está a obra cedida pola Deputación de Ourense-, 4 pezas do Museo de Belas Artes de Valencia, e o resto proceden da propia colección do Museo Sorolla e da Fundación Museo Sorolla.
Antesala da exposición da colección da Fundación Santamarina – Temes
A cesión desta obra para a exposición temporal “Sorolla. Orígenes” enmárcase na futura organización por parte da Deputación de Ourense dunha exposición da colección artística pertencente á Fundación Santamarina – Temes.
O legado da marquesa e filántropa Ángela Santamarina Alduncín componse dunhas 900 pezas entres as que se atopan desde esculturas relixiosas, pinturas de grandes autores como o propio Sorolla, pezas de ourivaría, porcelanas, artigos persoais de grande valor e outros elementos artísticos únicos.
Ángela Santamarina e o seu coleccionismo
Ángela Santamarina Alduncín (Tandil, Arxentina, 1862–Ourense 1956) foi unha marquesa e filántropa galega con raíces na cidade de Ourense, onde realizou grande parte da súa actividade. Santamarina foi creando unha grande colección de obxectos artísticos moi variados, e dos que cedeu a súa propiedade á Fundación Santamarina – Temes, xestora do Asilo Santo Ángel e fundada por ela mesma.
Outra das probas da súa labor foi a construción no ano 1900 do palacete da rúa Santo Domingo esquina Cardeal Quiroga, no que recibía a ilustres visitantes. Anos despois construíu no barrio do Couto outro edificio que acolle hoxe ao Colexio Santo Ángel. Ademais, a marquesa, coñecida en Ourense como Angelita Varela, tamén financiou a Biblioteca de Rey Soto e colaborou en numerosas obras de caridade polo que se lle concedeu a Gran Cruz de Beneficencia (1926) e foi nomeada presidenta de honra da Cruz Vermella.



