O custo, 50.000 euros, “foi o habitual para artistas nacionais de tirón medio alto” e vendéronse o 85% das entradas dispoñibles
O concerto, afirma, foi “un éxito absoluto” e “hiper-rendible”, xa que atraeu visitantes, converteu Ourense “no epicentro da noite do venres en Galicia” e orixinou unha “bestial rendibilidade mediática de publicidade”
“O concerto de Omar Montes en Ourense foi dos máis rendibles da historia desta cidade”, asegurou esta mañá o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, quen asegura que a presenza do popular artista en Ourense contribuíu coa promoción turística da cidade diante de millóns de persoas a través dos medios de comunicación e das redes sociais coa achega ao público de dous dos referentes turísticos de Ourense: o termalismo, coa súa visita ás Termas de Outariz, a gastronomía, na súa visita ao Campo da Feira.
Así, detalla o rexedor que, “sen contar a difusión en medios galegos”, a presenza de Omar Montes xerou case 4 millóns de impactos en espectadores, lectores e usuarios de redes sociais:
Televisión nacional, Telecinco (1 minuto en prime time) — 2.0000.000
Diarios Nacionais Dixitais – 800.000
TikTok – 700.000
Instagram — 200.000
Facebook – 150.000
Twitter – 150.000
“Difundiuse, Ourense, a un total de 4 millóns de persoas”, resume Pérez Jácome.
Custo habitual neste tipo de artistas
O alcalde advirte que desde o punto de vista económico, o Concello de Ourense desembolsou para o concerto de Omar Montes ao redor de 50.000 euros. Unha cifra, subliña, “habitual neste tipo de artistas nacionais de tirón medio-alto, e case idéntica á que o Concello desembolsou para cada un dos concertos de Morad, Rulo e a Contrabanda, ou Taburete, nas pasadas festas de Ourense”.
Desde o punto de vista económico, dos 76.000 € que custou o concerto financiáronse 26.100€ con entradas vendidas, a prezos populares. Concretamente, vendéronse un total de 2.175 entradas (a un prezo de 12 €) dun total de 2.500 que se puxeron á venda. É dicir, o 87% das entradas dispoñible.”O éxito do concerto foi absoluto”, conclúe o rexedor.
Neste senso, o alcalde sinala que “conseguir financiar un 33% con entradas vendidas, supón un cociente moi superior ao habitual do Teatro Principal ou aos concertos que facían os gobernos de PP e PSOE nas súas etapas de goberno no Concello de Ourense. O Pórtico do Paraíso por exemplo, non chegaba nin ao 5% do custo, e o mesmo sucede hoxe en día co Teatro Principal ou co Festival de Cine, que non recuperan nin o 5% con entradas”.
“Concerto “híper-rendible”
Pérez Jácome argumenta que “cando un concerto é gratuíto ou con prezos populares, obviamente non se busca rendibilidade económica, non é o labor dun Concello, como tampouco se busca nos eventos das festas de Ourense, Entroido, San Martiño, Halloween, Nadal….”. Porén, asegura, “ máis aló de recadar 1/3 do gasto do espectáculo (que normalmente non se consegue tanto), o concerto de Omar Montes foi híper rendible por dous motivos. Primeiro socialmente, xa que ademais de formar parte do cartel do Nadal, atraeu foráneos, e a cidade de Ourense foi o epicentro da noite do venres en Galicia, xunto ao concerto, esa mesma noite, de Los Secretos no Auditorio”. Pero, conclúe, principalmente, “o máis “bestial foi a rendibilidade mediática de publicidade de dúas iconas, as termas e o polbo de Ourense, cuxos números mediáticos expuxemos previamente”.



