• Aos negocios e particulares que solicitaron asesoramento informativo hai que sumar as persoas asistentes ás dúas charlas grupais impartidas para aprender a interpretar a factura da luz e que concluíron este martes 20 de decembro
• O concelleiro socialista Gregorio Agís confirma que o programa, que busca mellorar e optimizar o aforro e a eficiencia enerxética, terá continuidade ao longo de 2023
Apenas unhas semanas despois do seu inicio, o programa EcoInnova Poio, organizado pola Concellería de Promoción Económica e Urbanismo co obxectivo de optimizar, promover e mellorar o aforro enerxético e a sostibilidade, xa conta con máis de medio cento de persoas inscritas. Así o sinala o edil responsable do departamento, Gregorio Agís (PSdeG-PSOE), que confirma, ademais, que a iniciativa, ante a alta demanda rexistrada, terá continuidade ao longo de 2023. “Temos constancia de que máis de 20 inscritos e inscritas xa teñen solicitado, ademais do asesoramento informativo vía ‘on line’, visitas ‘in situ’ para analizar os locais. Trátanse sobre todo de profesionais de diferentes sectores”, sinala Agís Gómez.
A estas persoas anotadas hai que sumar todas as que tomaron parte nas dúas charlas grupais organizadas neste mes de decembro, que se centraron no ofrecemento e pautas e coñecementos para interpretar de xeito correcto a factura da luz, unha cuestión “indispensable para poder aforrar e asumir uns custes acordes cos niveis de consumo”, recalca o concelleiro de Promoción Económica e Urbanismo. A segunda destas sesións tivo lugar o pasado martes no Centro de Formación da Reiboa, na Seca, e tamén foi impartida polo técnico Diego Padín. Durante este encontro analizáronse catro recibos reais, tres correspondentes a facturas de mercado libre e unha factura regulada. “Foi unha charla moi enriquecedora e clarificadora sobre o importante que é estar ao tanto dos servizos que contratamos, do tope de gas ou dos niveis de potencia que precisamos”, advirte Gregorio Agís, que pon como exemplo que “nunha das facturas analizadas polo técnico, que correspondía a unha empresa, constatouse que, facendo unha revisión superficial, era posible obter un aforro de máis de 80 euros ao mes”.
Agís recorda que esta é unha iniciativa pioneira no concello, de cuxo asesoramento se encarga a firma Sherpa Empresarial. Os e as veciñas de Poio interesadas en adherirse ao EcoInnova poden obter máis información chamando ao 625120475 ou enviando un correo electrónico á dirección ola@ecoinnovapoio.gal. Toda a información sobre o programa atópase na páxina web www.ecoinnovapoio.gal. “Desde a Concellería de Promoción Económica e Urbanismo somos fieis á filosofía consolidada no que a aforro e eficiencia enerxética se refire, e que nos levou a impulsar actuacións e obras encamiñadas a acadar un maior rendemento no consumo ao mesmo tempo que reducimos custes”, finalizou o edil socialista.