As bases do proceso foron aprobadas por todos os sindicatos municipais, agás un que se abstivo
O Goberno municipal destaca que son unhas bases “de consenso, que garanten a legalidade e a seguridade xurídica do proceso”
O Goberno municipal e os sindicatos con representación no Concello de Ourense pecharon esta mañá un acordo na Mesa Xeral de Negociación relativo ás bases reguladoras dos procesos selectivos de concurso para a estabilización de persoal temporal tanto interino como laboral temporal (105 prazas no Concello de Ourense e 4 no Consello Municipal de Deportes). Son os procesos que están previstos na Lei 20/2021 do 28 de decembro, de ámbito estatal, de medidas urxentes de redución da temporalidade no sector público. As bases foron aprobadas cos votos a favor de todos os sindicatos con representación no Concello, agás CC OO, que se abstivo.
O acordo reflicte un “contido equilibrado”, asegura o Goberno municipal, que explica que “é o froito dunha negociación bastante intensa, que durou case un mes, na que finalmente se produciu unha aproximación das posicións das distintas partes até acadar un punto intermedio de consenso. Non son as bases que inicialmente propoñían os sindicatos nin son tampouco as que propoñía o goberno municipal, senón que son unas bases de consenso”, asegura o executivo local, que subliña que as bases acordadas “garanten a legalidade e a seguridade xurídica do proceso”.
O Concello de Ourense prevé aprobar as bases, antes de que remate este ano. Está a prepararse o informe-proposta que se lle remitirá á fiscalización da Intervención Municipal e posteriormente á aprobación a través dun decreto da Alcaldía. Unha vez aprobadas, as bases publicaranse nos boletíns oficiais e abrirase o prazo de presentación de instancias por parte das persoas que estean interesadas en participar. O proceso, segundo o establecido na lei estatal, debe estar rematado en decembro de 2024, aínda que “previsiblemente será moito antes”, avanzan fontes do goberno do Concello de Ourense.



