O alcalde de Pontecesures, Juan Manuel Vidal Seage, e a concelleira de Igualdade, Laura Villar, visitaron esta mañá a mesa informativa sobre prevención das condutas suicidas que Andaina Pro Saúde Mental instalou esta mañá no Mercado Praza de Abastos de Pontecesures. Unha iniciativa promovida por Andaina PSM, en colaboración co Servizo Galego de Saúde e o Concello de Pontecesures.
O alcalde agradeceu o labor de Andaina PSM ao tratar “un tema que moitas veces nos parece tabú, o que nos fai descoñecer a realidade e a magnitude dunha problemática que nos atinxe a todos como sociedade”. Así, dende entidade deron a coñecer datos estatísticos como que no 2020 producíronse unha media de 11 suicidios diarios en España ou que as mortes por suicidio superaron nun 270% aos falecementos por accidente de tráfico. En Galicia, o total de mortes por suicidio no 2020 foi de 307 persoas.
Por iso, as persoas que pasaron esta mañá polo Mercado Praza de Abastos de Pontecesures recibiron información esquematizada sobre puntos básicos como: desbotar mitos sobre o suicidio (como que falar do suicidio pode incitar a cometelo ou que só as persoas con trastornos mentais son suicidas…), factores de risco (condicionantes psicolóxicos, presenza dunha enfermidade crónica, trastornos psiquiátricos…), sinais de alarma (verbais ou conductuais).
Así mesmo, aproveitaron para repartir folletos informativos sobre o labor que desempeña Andaina PSM na comarca de Ulla-Sar, dende onde chega a municipios como Dodro, Rois, Padrón, Rianxo, Valga e Pontecesures. Andaina PSM é unha asociación de persoas e familiares afectadas por trastorno mental grave que ten como obxectivo prestar apoio e atención a estas persoas, contribuíndo á mellora da súa autonomía persoal e calidade de vida.



