O presidente da Deputación, Manuel Baltar, presentou o servizo de uso temporal de vehículos -desenvolvido a través do Inorde e en colaboración con Hyupersa- na Gudiña, a porta de entrada do AVE a Galicia
“Este proxecto de mobilidade sostible está enfocado especialmente nos viaxeiros de tren, para impulsar unha redistribución dos fluxos turísticos traídos pola Alta Velocidade”, sinala Manuel Baltar, que no primeiro aniversario da chegada do AVE destaca as estratexias desenvolvidas polo goberno provincial para avanzar no seu rentabilización
A posta en marcha deste plan piloto permitirá aos viaxeiros que cheguen en tren dispoñer de vehículos eco nas inmediacións das estacións da Gudiña e Ourense ao reservar por horas, días ou semanas desde unha app con tarifas especiais, mentres circulan polo territorio da provincia
A Deputación de Ourense, a través do Inorde, e coa colaboración de Hyupersa, pon en marcha, desde hoxe, un proxecto piloto de uso temporal de vehículos -carsharing- para a mellora dos fluxos turísticos na provincia. A presentación desta iniciativa tivo lugar esta mañá na Gudiña, acto no que participou o presidente do goberno provincial, Manuel Baltar; o alcalde da Gudiña, José María Lago; o vicepresidente de Pérez Rumbao e conselleiro delegado de Hyupersa, Ramón Seijas; a xerente do concesionario de Hyupersa, Eva André Cendón; e a xerente do Inorde, Emma González.
A posta en marcha desde hoxe deste plan piloto, que durará 5 meses, vai permitir que os viaxeiros que cheguen á provincia en tren teñan a opción dunha modalidade de transporte máis para moverse polo territorio. Estes vehículos, que poderán reservarse a través dunha app, por horas, días ou semanas, estarán situados tanto nas inmediacións da estación de tren da Gudiña (porta de entrada a Galicia da Alta Velocidade) como na da capital nas que teñen parada os trens AVE ou Alvia e outros da rede de alta velocidade.
O programa arrinca con cinco vehículos, todos con etiqueta Eco e que promocionarán a marca turística da provincia. “Este proxecto de mobilidade sostible está enfocado especialmente nos viaxeiros de tren, para impulsar unha redistribución dos fluxos turísticos traídos pola Alta Velocidade”, sinala Manuel Baltar, que no primeiro aniversario da chegada do AVE destaca as estratexias desenvolvidas polo goberno provincial para avanzar no seu rentabilización.
Nese sentido, a redistribución dos fluxos turísticos alimentados pola Alta Velocidade é “un dos principais retos para os que o goberno provincial busca solución, non só con esta proposta, se non con outras que se están expondo a través das candidaturas a liñas de financiamento”, explica Manuel Baltar.
Este servizo de uso temporal de vehículos promocionarase en orixe tanto con publicidade na Estación de Chamartín como a través doutras accións de comunicación, “co obxecto de favorecer que o visitante -que no coche terá acceso a guías turísticas da provincia- poida coñecer os diferentes recursos enogastronómicos, naturais, patrimoniais e termais que atesouran os 92 municipios que integran a provincia”, destaca o presidente da Deputación.
Pola súa banda, o alcalde da Gudiña mostrou a súa satisfacción por contar desde hoxe a estación de tren do seu concello cun coche de uso temporal para “dar a coñecer os roteiros turísticos desta provincia”, cun servizo “con carácter pioneiro e que será, seguro, moi demandado”.
“O gran beneficiado deste novo froito da colaboración público-privado é a provincia de Ourense”, asegurou o vicepresidente de Pérez Rumbao e conselleiro delegado de Hyupersa.
A xerente do Inorde, Emma González, destacou na súa intervención “que este plan piloto facilitará datos para analizar o perfil sociodemográfico do usuario e o seu comportamento no destino, co fin de planificar estratexias de desenvolvemento e promoción, e actuará como efecto chamada para impulsar outras iniciativas empresariais enfocadas a resolver a necesidade de mobilidade dun novo turista que aposta pola sustentabilidade”.
Detalles do programa piloto
A prestación do servizo realizaraa Huypersa a través dunha aplicación xestionada por Dealer Best SL, encargada de poñer ao dispor dos usuarios presentado por Ramón Seijas, que explicou os detalles de uso duns vehículos que levarán a imaxe da marca turística e un código Qr con ligazón aos Roteiros Turísticos de Ourense.
En virtude deste acordo, os usuarios, unha vez dados de alta na plataforma de uso deste programa, dispoñerán de tarifas promocionais que oscilan desde os 8,5 euros para usar o vehículo 1 hora aos 37 euros que sería a tarifa por día. O coche, que se activa e desactiva a través do teléfono intelixente do usuario, poderá ser estacionado ao finalizar o seu uso nun radio de 150 metros ao redor das estacións de tren de Ourense e A Gudiña.



