HomePontevedraPoioO Consello de Participación Veciñal acorda impulsar unha campaña de fomento da...

O Consello de Participación Veciñal acorda impulsar unha campaña de fomento da participación cidadá en Poio

- Anuncio -spot_img

• A tenente de alcalde, Silvia Díaz (Avante Poio), explica que o documento será elaborado de xeito participativo, recollendo as propostas e contribucións das asociacións e que será presentado no primeiro trimestre de 2023

Logo da súa constitución oficial a finais do pasado mes de novembro, despois de 15 anos inactivo, o Consello Municipal de Participación Veciñal viviu este pasado mércores a súa primeira sesión ordinaria, que estivo presidida pola tenente de alcalde concelleira de Participación Veciñal, Transparencia e Espazos Cidadáns, Silvia Díaz (Avante Poio). Ademais de aprobar a acta da sesión constitutiva, a cita tamén serviu para aprobar a posta en marcha dunha campaña de fomento da participación cidadá en Poio. Díaz indica que esta iniciativa, encamiñada a impulsar e reforzar o asociacionismo a nivel municipal, levarase a cabo “de xeito participativo, tendo moi en conta as achegas, suxestións e contribucións que realicen desde as asociacións”.

A intención do Concello é que o documento poida ser presentado durante o primeiro trimestre do ano, de xeito que poida comezar a desenvolverse durante 2023.
A proposta abordada durante o Consello, no que están representadas as asociacións veciñais das diferentes parroquias de Poio, inclúe realizar comunicación á veciñanza da aprobación do Regulamento de Participación Cidadá. “Levaremos a cabo unha campaña específica de difusión dos novos órganos de participación, para dalos a coñecer entre a poboación do municipio”, informa a tenente de alcalde. Silvia Díaz incide en que o devandito regulamento recolle no seu artigo número 9, no capítulo I correspondente aos dereitos de participación dos e das cidadás, que existe “o dereito a unha política municipal de fomento das asociacións”, polo que “todas as persoas teñen dereito a que o Concello impulse políticas de fomento das asociacións, a fin de reforzar o tecido social do municipio, así como o desenvolvemento de iniciativas de interese xeral”.

Outro dos puntos da orde do día foi dar conta do estado de tramitación do Orzamento municipal de 2023, que xa pasou pola Comisión de Facenda e que será aprobado no Pleno ordinario do vindeiro martes, 27 de decembro. Cómpre lembrar que as contas ascenden a un total de 13,5 millóns de euros, marcando un novo teito histórico, cun incremento nas partidas destinadas a Servizos Sociais (máis de 1,5 millóns de euros, o equivalente ao 11% do presuposto total) ente ao 11% do presuposto total).

Con respecto ao Consello Municipal de Participación Veciñal, hai que recordar que contará con dúas sesións ordinarias anuais, se ben o regulamento tamén contempla a posibilidade de realizar convocatorias extraordinarias. A vicepresidencia deste órgano terá unha vixencia dun ano e será asumida, de xeito rotatorio, por un representante dos colectivos que forman parte do mesmo. Tamén están representados todos os grupos da Corporación.

A reactivación do Consello dá cumprimento a un dos puntos que se establecen no Regulamento de Participación Veciñal, aprobado neste mandato e en cuxa elaboración participaron todos os grupos da Corporación municipal, tal e como lembra Silvia Díaz, que tamén recorda que as asociacións veciñais que non puideron asistir á asemblea constitutiva poderán solicitar o seu ingreso neste órgano presentando unha instancia xeral no Rexistro municipal.

Publicacións Relacionadas