• A contía investida para asumir custes de primeira necesidade para veciñas e veciños sen recursos ascendeu a case 78.000 euros
• Rosa Fernández (PSOE), responsable do departamento, advirte de que a supresión por parte da Xunta de Galicia da ‘Tarxeta Monedero’ obrigou ao Concello a incrementar os investimentos destinados a compra de alimentos
O departamento de Servizos Sociais pecha o exercicio 2022 prestando auxilio a unhas 200 familias con menos recursos do municipio. Faino a través do Fondo de Emerxencia Social, unha liña a través da cal o Concello asume custes de primeira necesidade destas veciñas e veciñas, entre as que se atopan o pago de alugamentos e de facturas da luz, así como na compra e obtención de produtos de primeira necesidade como medicinas. Neste ano, o investimento total achegado ascende a preto de 78.000 euros aproximadamente. “É unha contía moi superior á que contemplaba o Orzamento municipal, que fomos modificando e incrementando en función das necesidades das familias”, explica a concelleira da área, a socialista Rosa Fernández.
Neste investimento inclúense os 8.500 euros de axuda que proveñen da Deputación de Pontevedra. Ademais, Fernández fai fincapé en que este ano o Concello tivo que asumir uns custes maiores á hora de mercar alimentos, debido á supresión da Tarxeta Monedero por parte da Xunta de Galicia. “Deses 78.000 euros calculamos que 26.000 os tivemos que derivar a compra de produtos alimenticios, algo que nestes anos anteriores non era necesario, pero agora, ao suprimirse esa axuda desde a Administración autonómica, desde Servizos Sociais nos encargamos de cubrir esta prestación de primeira necesidade”, indica.
Con respecto ao Orzamento de 2023, que precisamente lévase neste martes a Pleno para a súa aprobación inicial, a partida destina unha contía para o Fondo de Emerxencia Social que ascende a un total de 61.000 euros. Neste sentido, Rosa Fernández insiste en que esta non ten que ser necesariamente a inversión total cando remate o exercicio.
“Contamos coa posibilidade de realizar modificacións de crédito e outras tramitacións que nos permiten incrementar esta a contía no caso de que así sexa preciso”, incide a responsable de Servizos Sociais. Hai que lembrar que o Orzamento de 2023 destina o 11% (máis de 1,5 millóns de euros) da súa capacidade total a garantir as prestacións deste departamento, que ofrece servizos o de axuda no fogar e a realización de numerosos programas, iniciativas e actividades.



