O Goberno municipal desmente as acusacións realizadas polo PSOE cando di que Ourense é a única cidade galega que quedou excluída
O Concello manterá a rebaixa dos billetes de autobús coa tarxeta Milenio para o primeiro semestre de 2023
O Goberno municipal do Concello de Ourense desmente as acusacións realizadas no día de onte polo grupo do PSdeG_PSOE, a través da súa portavoz, cando asegurou que Ourense é “a única cidade de Galicia” que quedou excluída das axudas do Ministerio de Transporte para o servizo de transporte público colectivo; e ao relacionar estas axudas coas que fan posible a redución do prezo dos billetes dos autobuses urbanos. Así, o Goberno municipal quere facer estas precisións:
O PSOE confunde dúas subvencións diferentes: a ordinaria, que o Ministerio concede a entidades locais para prestar o servizo de transporte urbano; e a extraordinaria, convocada este ano, para abaratar o custo das viaxes no servizo de autobuses.
O Concello de Ourense si obtivo esta subvención extraordinaria, e aprobou rebaixar á metade o prezo das viaxes: a 0,31 euros (Tarxeta Milenio ordinaria) e 0,22 euros (Tarxeta de estudantes). Os demais abonos non se rebaixaron porque xa estaban bonificados ao 100%. Esta subvención está vixente até o 31 de decembro de 2022.
O Goberno municipal prepara un expediente, que prevé aprobar na Xunta de Goberno Local nos próximos días, para manter estes descontos até o día 30 de xuño de 2023, nas condicións que fixa o Goberno central no Real Decreto Lei que publicou no día de hoxe.
En canto á subvención ordinaria para o servizo de transporte urbano, esta foille denegada ao Concello polo Ministerio de Transporte, que non atendeu as alegacións realizadas polo Concello malia estaren apoiadas en xurisprudencia do Tribunal Supremo.
Quere precisar o Goberno municipal que Ourense non foi a única cidade galega excluída, xa que tamén o foi, polos mesmos motivos, Santiago de Compostela, gobernada polo PSdeG_PSOE. A axuda denegóuselle a un total de 27 cidades españolas, como Granada, Marbella, Xaén, Ciudad Real ou Burgos, entre outras.
O Goberno municipal asegura que o motivo da denegación é de carácter “burocrático, non político”, e entende “totalmente desproporcionada” a decisión do Goberno central de denegar esta subvención: a existencia, un día concreto do ano, o 15 de xullo de 2022, dunha débeda coa Seguridade Social.
A este respecto, advirte que o Concello de Ourense está sistematicamente ao día nos pagos a este organismo. Porén, ese día preciso do ano existía unha débeda de 815,23 euros, debida a unha circunstancia excepcional, relativa á cotización de dous meses do ano 2021 de persoal funcionario en prácticas da Policía Local. Esta débeda, explican, non lle fora notificada pola Seguridade Social nesa data ao Concello e que este, unha vez a coñeceu, aboou de inmediato.
O Concello, que sempre cumpre coa súa obriga de manter as cotizacións ao día, entende que esta situación puntual e excepcional, xa emendada, non xustifica a perda da subvención ao transporte público municipal. Por ese motivo, recorrerá no Contencioso Administrativo esta resolución, ao considerar que ten dereito a recibir a axuda e que a xurisprudencia o avala.



