HomePontevedraBaixo MiñoO Rosal capta 50.000€ para continuar coa súa aposta pola recuperación do...

O Rosal capta 50.000€ para continuar coa súa aposta pola recuperación do espazo público

- Anuncio -spot_img

Acadou unha subvención a través da Rede Ágora da Deputación de Pontevedra para a redacción de cinco novos proxectos que sitúan ás persoas no centro

O Goberno municipal continúa a dar pasos en firme na recuperación dos espazos públicos para as persoas. Ao abeiro da Rede Ágora, unha iniciativa da Deputación de Pontevedra, o Concello do Rosal vén de acadar unha subvención de case 50.000 euros para financiar ao 90% a redacción de cinco novos proxectos de recuperación de espazos públicos e creación de sendas peonís e ciclables.

“Queremos transformar O Rosal en termos de mobilidade, de calidade de vida… por iso implicámonos e poñemos en marcha novas iniciativas que buscan devolverlle a prioridade á veciñanza e situar ás persoas no centro de cada un dos cambios do noso municipio”, explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

O importe máis elevado da subvención, case 17.000 euros, irán destinados á redacción do proxecto de mellora urbana en San Miguel de Tabagón, que contempla unha intervención na chamada Estrada Vella e na súa contorna. Outro dos maiores investimentos, máis de 12.000 euros, darase na redacción do proxecto de recuperación do espazo peonil na rúa da Estrada, unha actuación sobre un tramo duns 230 metros, no que vén de facerse un proceso veciñal para incorporar as achegas dos veciños e veciñas da zona á redacción do proxecto.

Por outra banda, a través da Rede Ágora financiarase con case 10.000 euros a redacción do proxecto de mellora da calidade viaria e espacial na contorna da Pesqueira e con outros case 9.000 euros o de recuperación do espazo peonil das rúas Jesús Noya e Travesía do Casal e a integración do Camiño da Vila Vella. A subvención complétase co cofinanciamento da redacción do proxecto dunha senda peonil en Fornelos que una a PO-353 coa PO-354.
Todos estes novos proxectos camiñan na liña estratéxica marcada polo Concello do Rosal “centrada nunha recuperación de espazos públicos nos que as persoas sexan o centro, transformando as prazas e rúas dos nosos barrios e parroquias e xerando novos espazos de desfrute, de encontro e de convivencia para toda a veciñanza”.

Publicacións Relacionadas