HomePontevedraPoioPoio aproba o seu orzamento municipal máis comprometido no apartado social e...

Poio aproba o seu orzamento municipal máis comprometido no apartado social e cun novo teito histórico a pesares do “non polo non” do PP

- Anuncio -spot_img

• Os votos a favor dos membros do Goberno local permiten que o Concello saque cara adiante a partida correspondente en 2023 en tempo e forma, antes de rematar o exercicio vixente

• Tanto o alcalde, Luciano Sobral, como o equipo de Goberno salientan a rigorosidade e equilibro das contas, que garanten os servizos á cidadanía, cunha nova conxelación de taxas e con máis de 1,5 millóns de euros destinados a Servizos Sociais, así como unha redución da débeda de máis de 700.000 euros, caendo do 65 ao 57%, lonxe do tope máximo (110%) e sen necesidade de novas operacións de préstamo, o que demostra a solvencia e folgura económica da Administración local

• Os dirixentes municipais lembran que o Partido Popular leva décadas votando en contra de cada Orzamento “sen ter presentado nunha ningunha proposta, enmenda ou proxecto alternativo” nese período

O Concello de Poio iniciará o ano 2023 tendo xa aprobado inicialmente o correspondente Orzamento municipal para ese exercicio, que ascende a 13,5 millóns de euros, un novo teito histórico, e que destina o 11% (máis de 1,5 millóns de euros) ao apartado de políticas sociais, sendo unha das maiores achegas de sempre a este apartado. O Pleno da Corporación aprobou estas contas na sesión ordinaria deste pasado martes, grazas aos votos a favor do equipo de Goberno, formado polo BNG, PSdeG-PSOE e Avante Poio. Unha vez máis, tal e como vén sucedendo desde hai décadas, o Partido Popular opúxose a unha partida que foi elaborada “con total rigorosidade e prudencia”, garantindo ao mesmo tempo a dotación de servizos e consolidando unha saúde económica “totalmente estable e saneada, propia dun concello dinámico, xove e que non deixa de medrar en termos de poboación”.

Tanto o alcalde, Luciano Sobral, como o equipo de Goberno non se amosan sorprendidos pola oposición dos ‘populares’ a este Orzamento, aprobado en tempo e forma, seguindo así a liña dos últimos anos. Tal e como lembran os dirixentes municipais, esta partida contempla o mantemento de bonificacións en impostos como o IBI (50% para familias numerosas con rendas inferiores a 30.000 euros anuais ou 25% para edificacións de máis de 15 anos que aposten por obras en favor da eficiencia enerxética) ou a ‘viñeta’ (50% para vehículos híbridos e 75% en eléctricos). Ao mesmo tempo, conxélanse por décimo ano consecutivo as taxas. Tanto é así, que os ingresos por impostos directos caen preto dun 2% con respecto a 2022, debido ao mantemento destas bonificacións e descontos. A isto hai que sumarlle a redución da débeda municipal, que fica “perfectamente estruturada” e que pasa do 65 ao 57%, tras amortizárense máis de 700.000 euros. Este parámetro queda moi afastado do 110% que marca como tope a normativa vixente.

Ademais, non se contemplan novos préstamos bancarios, o que demostra ás claras “a capacidade de xestión e a folgura económica da Administración local”

O PP, sen propostas nin alternativas

O Goberno local critica o “non polo non” e os “mantras populistas” que utiliza o grupo da oposición para xustificar o seu voto en contra ao Orzamento, sen realizar ningún tipo de proposta alternativa, unha tónica constante desde hai décadas. “Non é realista que se esixa baixar taxas e, ao mesmo tempo, demandar máis obras e investimentos”, indica o equipo de Goberno, que tamén recorda que “tal e como establece a lei, existen ferramentas para realizar achegas que sirvan para mellorar o documento. O Partido Popular tivo ocasión de facer as súas achegas, a través de enmendas, pero non presentou ningunha. Nin agora, nin nos últimos dez anos. O señor Moldes é incapaz de dicir que partidas modificaría, limítase a facer uso dun discurso populista. O Orzamento dálle absolutamente igual”.

O Goberno local salienta, asemade, que as contas están calculadas á baixa, polo que se prevé que a liquidación do exercicio sexa “sensiblemente maior”, tal e como vén acontecendo nos últimos anos. Neste sentido, tamén se recorda que a liquidación provisional de 2022, a día 31 de outubro establece que hai comprometidos 4,7 millóns de euros en investimentos, grazas ás xestións realizadas perante outras administracións para a adquisición de diferentes fondos e axudas, cando na súa aprobación inicial contemplábanse algo máis de 600.000 euros. Ademais, estímase que o Remanente de Tesourería volverá aproximarse aos 2 millóns de euros, consolidando a tendencia dos exercicios anteriores.

Publicacións Relacionadas