• A edil responsable deste departamento, Marga Caldas (BNG), sinala que xa se está a proceder á retirada de plástico das baixantes desde hai varias semanas
• O proxecto, que conta cun orzamento que ascende a máis de 50.000 euros, tamén contempla outras tarefas, como a dotación de luminarias LED
A concelleira de Patrimonio, Marga Caldas (BNG), vén de supervisar estes días os traballos que se están a levar a cabo no Casco Histórico de Combarro. Cómpre lembrar que o Concello, a través deste departamento, impulsou un proxecto, cun orzamento superior aos 50.000 euros, para proceder á realización de tarefas encamiñadas a embelecer e mellorar a estética desta emblemática contorna, ao tempo que tamén se reforza o respecto polos inmobles, edificacións e elementos arquitectónicos existentes nesta zona. Tal e como puido comprobar Caldas Moreira, as primeiras actuacións estanse a centrar na retirada do plástico das baixantes, así como de cableado.
Sen embargo, esta non será a única tarefa a realizar, segundo recordou a concelleira do Goberno municipal, xa que nas vindeiras semanas tamén está prevista a substitución de diferentes luminarias por puntos LED, o que “sen dúbida redundará nun mellor servizo de alumeado, ao tempo que acadamos un maior aforro enerxético”. Á maiores destas actuacións, Marga Caldas tamén recorda que os operarios do Concello pasan revista de xeito constante ao núcleo, por se fose precisa a reparación o substitución do mobiliario.
Con respecto ao proxecto, hai que lembrar que o investimento achégase a través do Programa de Rehabilitación Integral (ARI).
Estas correccións en favor da contorna estanse levando a cabo logo seguindo as directrices do estudo previo que se levou a cabo durante o outono. Marga Caldas salienta que “o Casco Histórico de Combarro é un dos grandes emblemas do Concello, que representa a tradición da nosa vila co mar e coa nosa cultura e debemos seguir traballando na súa posta en valor e recuperación, tendo en conta tamén as necesidades
das persoas que residen nel”. Caldas recorda que o Concello de Poio aprobou neste 2022 a declaración de Contorno Residencial de Rehabilitación Programa de Combarro, a través da cal o Concello ten a posibilidade de acceder a axudas de fondos europeos, cun máximo de máis de 300.00 euros, que se reparten a través do Goberno estatal, e que tamén se investirán na rehabilitación de vivendas privadas.
Outra actuación que tamén se está a desenvolver nestas datas é a rehabilitación a emblemática fonte da Praza da Fonte, situada en pleno centro do Casco Histórico de Combarro. A edil de Patrimonio informa de que este elemento sufrira importantes danos hai uns meses, logo de recibir un golpe de xeito fortuíto por parte dun vehículo. Caldas lembra lembra que a actuación incluirá a dotación dunha réplica da placa orixinal en mármore branco. Os traballos quedarán listos en canto as condicións meteorolóxicas así o permitan.



