• A concelleira do PP Silvia Xunco solicitou por escrito ata en dúas ocasións a presenza de membros da Policía Local na comisión pertinente para valorar profesionalmente a posta en marcha desta idea
• O Goberno negouse a convocar á reunión ao responsable do corpo e limitouse a dicir que hai asuntos máis importantes: “Unha proposta para mellorar a seguridade das mulleres debe ser prioritaria”
A concelleira do Partido Popular de Pontevedra Silvia Xunco recriminou ao Concello o bloqueo que mantén sobre a proposta dos populares para a creación de percorridos seguros en Pontevedra, unha estratexia urbana para achegar maior seguridade ás mulleres en determinadas horas e espazos da cidade. Xunco solicitou por escrito ata en dúas ocasións a presenza de membros da Policía Local na Comisión de Réxime Interior para valorar tecnicamente a posta en marcha desta idea.
En cambio, desde o Goberno local negáronse a convocar ao responsable do corpo e limitáronse a dicir que hai asuntos máis importantes: “Unha proposta para mellorar a seguridade das mulleres debe ser prioritaria”, explicou Xunco.
A primeira das peticións realizouse a finais do mes de outubro, na que literalmente se solicitaba: “Á Policía Local que valore a creación de percorridos seguros. Por iso, pedimos que se analice e valórese a proposta, contando coa presenza da Policía Local para a súa valoración profesional”. A concelleira encargada do asunto, Eva Villaverde, dixo entender que a presenza dun representante do corpo era a considerar polo Goberno local, tal e como o recolle a acta da comisión.
Na segunda petición, presentada o 17 de novembro, especificouse aínda máis: “A asistencia do xefe da Policía Local na próxima comisión a efectos de valorar a creación de percorridos seguros en Pontevedra”. O Goberno local tampouco convocou a ningún representante do corpo, “dicindo que hai outros asuntos máis importantes dos que estar pendente”.
“Para a responsable da área non é prioritaria unha proposta que defende estudar a mellora da seguridade das mulleres. Requirimos a presenza do xefe da Policía Local na comisión, porque queremos que un profesional valore a medida. Dannos longas e parece que hai medo que a policía se exprese”, resumiu Xunco.
Por iso, a popular pide ao Goberno local que non dilate máis no tempo unha nova convocatoria da comisión coa presenza dun representante da Policía Local. “Para nós, así como para os pontevedreses, a seguridade debe ser prioritaria”.



