A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense acordou este mediodía en sesión extraordinaria reducir os prezos dos viaxes no servizo de autobuses urbanos con Tarxeta Milenio a 0.31 euros (coa tarxeta ordinaria) e 0.21 euros (tarxeta de estudantes). Os demais abonos non se rebaixan porque xa están bonificados ao 100%. Esta redución estará vixente desde o día 1 de xaneiro até o día 30 de xuño de 2023.
O Concello aproba esta redución no marco da convocatoria de axudas directas do Ministerio de Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana ás entidades locais para a redución temporal de abonos e títulos multiviaxes no servizo municipal de transporte público colectivo urbano durante o primeiro semestre de 2023, previstas nos artigos 43 e seguintes do Real Decreto Lei 20/2022, do 27 de decembro.
A redución do prezo por viaxe en Ourense coa Tarxeta Milenio ordinaria será dun 50%, polo que o prezo bonificado por viaxe será 0.31 euros
A redución do prezo por viaxe coa Tarxeta Milenio Estudantes será do 51.16%, polo que o prezo bonificado por viaxe será 0.21 euros.
O Concello de Ourense xa aprobara en setembro a redución, até o 31 de decembro de 2022, dos prezos destes títulos, que deixaba en 0.31 euros e 0.22 euros o prezo por viaxe. Tras o acordo aprobado hoxe, o prezo da viaxe coa tarxeta ordinaria non subirá co inicio do ano, e o da tarxeta de estudantes rebaixarase un céntimo, quedando en 0.21€.
O Concello daralle traslado deste acordo á empresa que presta o servizo, Autobuses Urbanos de Ourense, para que proceda a aplicar, desde o 1 de xaneiro, a redución de prezos acordada.
O acordo aprobado autoriza tamén o alcalde para solicitarlle ao Ministerio de Transporte a axuda prevista no Real decreto do 27 de decembro.



