HomePontevedraPoioO concello require á Xunta de Galicia a limpeza da parcela da...

O concello require á Xunta de Galicia a limpeza da parcela da que é titular nos terreos proxectados para acoller o polígono de Fragamoreira

- Anuncio -spot_img

• O alcalde, Luciano Sobral, remitiu un escrito ao Instituto Galego de Vivenda e Solo para que leve a cabo nos traballos, a fin de dar cumprimento ás normativas vixentes sobre o coidado e conservación de terreos

• No caso de non levarse a cabo, a incoación do expediente contempla multas económicas por importe de 1.000 a 10.000 euros reiterativos trimestralmente ata lograr a execución da actuación ordeada

O Concello de Poio vén de enviar un requirimento á Xunta de Galicia para que acometa a limpeza da parcela da súa titularidade, situada no lugar de Fragamoreira, nos terreos destinados ao polígono empresarial. Segundo puido constatar a Administración municipal, o estado actual no que se atopa este espazo non se axusta ao establecido pola Lei 7/2012 de 28 de xuño de Montes de Galicia, que establece que no apartado correspondente ás redes secundarias de faixas de xestión de biomasa “nos primeiros 30 metros da faixa non poderá haber especies que favorezan a propagación do lume como piñeiros, acacias e eucaliptos, toxos ou xestas”. Ademais, tamén se debe cumprir coa normativa que define os deberes de uso, conservación e rehabilitación dos propietarios de toda clase de terreos, construcións, edificacións e instalacións. Tal e como establece a Lei do Solo de Galicia, “os propietarios de terreos manterán o solo natural e, no seu caso, a masa vexetal nas condicións precisas que eviten a erosión e os incendios, impedindo a contaminación da terra, o aire e a auga, e demais condicións que se determinen na lexislación vixente”.

Tal e como se expresa no escrito remitido á Xunta, e que está asinado polo alcalde, Luciano Sobral, solicítase ao Instituto Galego de Vivenda e Solo que proceda á limpeza da maleza nun prazo de 15 días previos á tramitación do expediente. Durante ese prazo tamén poderá presentar alegacións se así o considera oportuno. No requirimento incídese en que en caso de que se produza un incumprimento desta orde poderíase incoar un expediente sancionador e proceder á execución forzosa, mediante a imposición de multas coercitivas, por importe de 1.000 a 10.000 euros reiterativos trimestralmente ata lograr a execución dos traballos ordeados.

O alcalde Sobral lembra que non é a primeira vez que o Concello de Poio advirte á Administración autonómica da situación na que se atopa a parcela. “Puxémonos en contacto en varias ocasións coa Xunta para solicitar a limpeza dos terreos. O coidado e mantemento deste tipo de propiedades non é só unha obriga das persoas propietarias de fincas, senón tamén das administracións titulares deste tipo de espazos”, incide o rexedor nacionalista, que confía en que desde o Goberno autonómico se tomen as medidas oportunas para acometer a limpeza. No escrito, Sobral anima áo IGVS a que se poña en contacto co departamento municipal de Medio Ambiente “por se fose precisa calquera aclaración” e recorda que, unha vez finalizadas as tarefas, deberá remitirse a pertinente notificación, para non seguir coa tramitación do expediente.

Publicacións Relacionadas