• Pola mañá, a comitiva real desprazarase polo municipio, acompañada de diferentes colectivos locais de animación, mentres que pola tarde, logo de realizar unha ‘Ruta Real’ pola PO-308, Melchor, Gaspar e Baltasar recibirán ás crianzas e escoitarán as súas peticións de agasallos na carpa, na que haberá obradoiros, inchables música e moitas sorpresas
• A edil de Cultura, Raquel Rodríguez (BNG), salienta que, logo de dous anos condicionada pola situación sanitaria, a gran cita do programa Vive o Nadal en Poio recupera a normalidade “para que as cativas e cativos poidan pasar unha xornada máxica en familia”
A concelleira de Cultura, a nacionalista Raquel Rodríguez, detallou este luns os detalles da que sen dúbida é unha das grandes citas do programa Vive o Nadal en Poio: a chegada dos Reis Magos, que neste 2023 volven por fin ao concello para poder visitar á veciñanza e, especialmente, ás crianzas, con total normalidade. “Logo de dous anos onde as restricións sanitarias nos condicionaron de forma inevitable, volvemos recibir ás súas Maxestades de Oriente por todo o alto, nunha xornada que queremos que sexa máxica e inesquecible para as cativas e cativos de Poio”, explica a edil do Goberno local. Ademais de manter o formato da recepción real na carpa da Seca, que resultou todo un éxito na edición de 2022, a comitiva real tamén visitará todas as parroquias do municipio durante a mañá do 5 de xaneiro, ademais de facer unha ‘Ruta Real’ pola PO-308 antes de chegar á Seca. Unha vez alí, non faltarán animación, música, inchables e obradoiros, a cargo de Barafunda.
Será ás 10.45 horas cando os Reis Magos cheguen a Poio, concretamente ao Casal de Ferreirós. Posteriormente, iniciarán o percorrido en tres vehículos diferentes, partindo do parque Rosalía de Castro. Logo de pasar polos núcleos do Vao, A Caeira, A Barca e A Porteliña, a comitiva pasará por Costa Xiráldez (11.40 horas), Praza da Granxa de Campelo (12.00), Praza da Chousa de Combarro (12.30), Praza Romay Besada de Samieira (13.00) e porto de Raxó (13.20). Serán visitas moi especiais, nas que se prevé un gran ambiente, amenizado por varios grupos locais, como son Vides Novas, Charanga 112, Batucada Os Queimatasas e Charanga Mil9. Ás 14.00 horas está prevista a chegada da comitiva á Casa Consistorial, onde as maxestades serán recibidas polo alcalde, Luciano Sobral, e realizarán a tradicional saúda desde o balcón do Concello.
Xa pola tarde, o percorrido pola PO-308 comezará ás 16.00 horas desde Ferreirós ata Raxó e, desde aí, a comitiva tomará rumbo cara a carpa da Seca, onde a gran celebración comezará ás 17.00 horas. Este ano, as cativas e cativos volverán poder estar cos Reis Magos e achegarse a eles para abrazalos e trasladarlles as súas peticións de agasallos.
“Queremos que sexa o broche de ouro á programación de Nadal e unha xornada máxica para gozar en familia”, sinala Raquel Rodríguez, que recorda que desde hai varias semanas permanecen habilitados en diferentes emprazamentos do concello, incluída na propia carpa, os Buzóns de Nadal, nos que as crianzas poden depositar as súas cartas para enviar aos Reis Magos.
A edil de Cultura lembra, asemade, que as iniciativas lúdicas na carpa continuarán estes días. Logo do concerto deste luns de LaOcaband, co seu Conto de Nadal, o martes 3 o DJ Javi Solla amenizará, desde as 17.00 horas, unha gran festa infantil. O mércores 4, pola súa banda, ás 18.00 horas terá lugar o Cantar de Reis, a cargo de Máis Cantos.
Ademais, en ambas xornadas continuará o Xoga na Seca! Con quads, karts a pedais, minis eléctricos e máquinas recreativas ‘vintage’.



