Organizarán unha Gala Benéfica para o 27 de xaneiro e preparan xa un abano de actividades para recadar fondos para atender as necesidades médicas do atleta galego operado en México
Asociacións e colectivos veciñais de Ponte Caldelas mantiveron unha xuntanza con Ángeles Dacal, irmá do atleta galego Gustavo Dacal, coa intención de levar acabo actividades benéficas que permitan ao ex campión de España de lanzamento de xavelina dispoñer dos fondos necesarios para afrontar os gastos das reiteradas operacións que ten que asumir en México para superar unha infección bacteriana.
Entre as primeiras accións a realizar figuran a celebración dunha Gala Benéfica na que intervirán diversos artistas, grupos de música, etc. da contorna e que terá lugar o vindeiro venres 27 de xaneiro no salón de actos do Colexio Manuel Cordo Boullosa. Ademais, estanse programando toda unha serie de actuacións tendentes a recadar fondos e que terán como telón de fondo actividades de carácter solidario e deportivo para as cais xa se están ofrecendo compañeiros do atleta e destacados deportistas.
A primeira xuntanza de toma de contacto das asociacións e colectivos veciñais contou coa presenza da Asociación de Veciños de Xustáns; a Asociación de Veciños Chan da Rotea, de Baltar; a Asociación de Veciños da Insua; A Asociación de Veciños de Forzáns; Mulleres Rurais do Verdugo; Comunidade de Montes de Cuñas; Cáritas de Ponte Caldelas; Mulleres Rurais de Taboadelo; A Asociación Cultural O Torreiro de Forzáns; a Sociedade Cultural Deportiva Pontecaldelas e a Asociación de Mulleres de Xustáns aínda que o elenco de colectivos ampliarase a todos aqueles que queiran implicarse neste labor humanitario e solidario.
Durante a xuntanza, Ángeles Dacal, informou aos presentes de que o seu irmán se atopaba estable despois de sufrir catro operacións seguidas e moi delicadas que tiveron que ser afrontadas nun hospital privado ao carecer de seguro médico en México xa que o traballo que estaba a realizar desde hai 10 anos estaba rexistrado baixo o epígrafe de beca sen cobertura social.
O precipitado dos acontecementos e a obrigación de atender a enfermidade sobrevida de Gustavo Dacal foi determinante para que tivera que ser asistido nun centro sanitario privado de Veracruz, cidade mexicana na que viña desempeñando os seus labores como preparador deportivo desde hai unha década.
Agora atópase estable, en continua observación para coñecer a evolución e o alcance real das súas lesións unha vez superadas estas catro graves operacións ás que foi sometido de urxencia.
Ángeles Dacal agradeceu as mostras de solidariedade dos veciños e veciñas de Ponte Caldelas e recibiu o apoio e o cariño de todas as asociacións e colectivos presentes que lle expresaron a súa total disponibilidade a axudar nesta difícil situación na que se atopa o atleta galego.
Ante a posibilidade de regresar a España, Ángeles Dacal, indicou que todos os médicos consultados aconsellan, de momento, que non faga ningún tipo de desprazamento e que incluso continúe hospitalizado no mesmo centro.
A familia segue mantendo abertos os contactos coa Federación Galega de Atletismo, a Federación Española, a Embaixada de España en México, as dependencias consulares en Veracruz e seguindo as indicacións burocráticas que desde as autoridades españolas lle marcan para ir solucionando o problema aínda que a realidade supera en todo momento os prazos e trámites administrativos que se están barallando polo que é preciso emprender iniciativas solidarias para facer fronte ás necesidades presentes e futuras do campión español en México.



