HomePontevedraPoioO concello reforza o persoal municipal con 23 contratacións temporais a través...

O concello reforza o persoal municipal con 23 contratacións temporais a través do Plan Concellos

- Anuncio -spot_img

• A Concellería de Persoal, dirixida por Xosé Luís Martínez (BNG), contempla a incorporación de persoas en situación de desemprego para o reforzo de departamentos como Obras e Servizos, Turismo ou Servizos Sociais

• O edil nacionalista salienta que a duración destes contratos van deste os tres ata os 12 meses, con incorporacións xa contempladas para este mes de xaneiro

Un ano máis, o Concello de Poio contratará de xeito temporal a persoas en situación de desemprego, co obxectivo de reforzar os servizos que se prestan desde os diferentes departamentos municipais. Trátase dunha iniciativa que conta cun investimento superior aos 235.000 euros e que se financia a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra (concretamente, pola Liña 3). O edil responsable da área de Persoal, Xosé Luís Martínez (BNG), explica que serán un total de 23 estes reforzos, algúns dos cales xa están contemplados para este mes de xaneiro. Con respecto á duración dos contratos, oscilarán entre os 3 e os 12 meses.

Martínez Blanco explica que estas contratacións, ademais de para ofrecer traballo a persoas en situación de desemprego, tamén serven para cubrir as necesidades de persoal suplementario do que precisan os diferentes departamentos municipais, especialmente durante o período estival ou Semana Santa. O groso destas contratacións irán destinadas á area de Servizos Municipais. Serán dez as persoas que traballarán na revalorización de espazos públicos urbanos e de protección medio ambiental municipal.

Entre as tarefas a desenvolver, figuran a rehabilitación de roteiros municipais, limpeza e desbrozamento de camiños e sendeiros ou mantemento de praias. A meirande parte destas contratacións iniciaranse en abril e ata o 30 de setembro. “É un período no que se require dunha maior frecuencia neste tipo de labores, polo que este é un dos departamentos que requiren dun maior número de incorporacións”, apunta Xosé Luís Martínez.

Por outro lado, e tamén con vistas á temporada estival e a Semana Santa, o departamento de Turismo pasará a contar con dous reforzos, dúas traballadoras ou traballadores do Ciclo Superior de Turismo, que realizarán tarefas de información a visitantes, elaboración de estatísticas, creación de itinerarios turísticos e visitas guiadas.

No apartado de instalacións municipais, contrataranse a dous conserxes durante once meses e cinco persoas para limpeza ata finais do 2023. Por último, Servizos Sociais pasará a contar con 2 auxiliares de clínica, unha traballadora social e unha técnica ou técnico especializado en Mocidade. “Somos conscientes de na Casa Rosada se presta servizo a un gran número de usuarios e usuarias, polo que é indispensable que parte das novas incorporacións estean contempladas para garantir este tipo de prestacións”, explica o concelleiro de Persoal.

Publicacións Relacionadas