• O proxecto está impulsado pola Concellería de Promoción Económica e Urbanismo, dirixida polo socialista Gregorio Agís, e financiarase a través de fondos europeos obtidos do IDAE, un orzamento que ascende a máis de 280.000 euros
• A actuación inclúe medidas en favor da seguridade peonil, a redución da pegada de carbono e a consolidación da mobilidade sostible e universal, cun “absoluto respecto pola contorna”
A principios da vindeira semana está previsto o inicio dos traballos de mellora e posta en valor do núcleo tradicional do Xuviño, pertencente á parroquia de Combarro. Trátase dunha actuación que foi adxudicada á empresa EC Casas cun orzamento total que supera os 280.000 euros e que se financia a través de fondos obtidos por parte da Concellería de Promoción Económica e Urbanismo perante o Instituto para la Diversificación y Ahorro de la Energía (IDAE). O edil responsable da área, Gregorio Agís (PSdeG-PSOE), estima que a duración da obra será aproximadamente de catro meses. “O proxecto vai supoñer unha importante transformación para unha das zonas máis peculiares e emblemáticas do rural de Combarro”, sinala o concelleiro do Goberno municipal, que garante que a actuación contempla a renovación de servizos básicos e a consolidación da mobilidade sostible e universal. “É unha obra ambiciosa, que cumpre coa nosa filosofía de recuperar e poñer en valor os núcleos tradicionais, ao tempo que os consolidamos como lugares seguros para a seguridade peonil e con todos os servizos operativos”, afirma Agís Gómez, que pon como exemplo os traballos desenvoltos en lugares como A Seara (San Xoán) ou Caneliñas (Raxó), así como os que se están a levar a cabo en Saíñas, Portosanto e A Puntada (San Salvador) dentro desta folla de ruta.
Deste xeito, a singularidade do Xuviño “non se verá afectada”. Gregorio Agís lembra que o proxecto foi presentado no seu día ante a veciñanza do rural, que deu “o seu visto bo para esta reforma tan necesaria”. O edil de Promoción Económica e Urbanismo agradece a comprensión dos e das residentes durante os meses que dure a actuación, que “intentaremos que perturben o menos posible o seu día a día. En todo caso, estamos convencidos de que o resultado final pagará a pena”.
A obra servirá para reforzar a seguridade peonil, a través da dotación dunha plataforma única, ao tempo que se garante a mobilidade sostible e universal, eliminando barreiras arquitectónicas, e se reduce a pegada de carbono. Todo isto respectando a peculiaridade do núcleo desde o punto de vista da súa arquitectura e tradición. Deste xeito cúmprense co establecido na Axenda 2030 e no Plan de Mobilidade Urbana Sostible aprobado polo Goberno local no 2019. A actuación tamén incluirá, asemade, a dotación e renovación completa dos servizos básicos no lugar, así como a instalación do alumeado.



