• Resalta que os concellos recibirán este ano máis de 560 millóns de euros, un 15% por riba da contía de 2022, a mellor mostra do compromiso real do Goberno Galego por seguir apoiando aos concellos cando máis o necesitan e na procura das mellores condicións de vida da cidadanía.
Alcaldes e voceiros do PP de Pontevedra mantiveron onte pola noite unha reunión de traballo co Vicepresidente segundo da Xunta de Galicia, Diego Calvo, e o presidente provincial, Luis López, para informarse sobre as axudas, as liñas de colaboración e acción de cooperación cos concellos, que son eixo da política de proximidade coa cidadanía.
Foi a través dunha convocatoria do PP provincial, na que Calvo amosou o compromiso do Goberno galego coas entidades locais, e a importancia da colaboración entre administracións en iniciativas e investimentos que redundan de forma directa no benestar da cidadanía. Así, resaltou que os concellos recibirán este ano máis de 560 millóns de euros, un 15% por riba da contía de 2022. Isto, sinalou, é a mellor mostra do compromiso real do actual Goberno Galego por seguir apoiando aos concellos cando máis o necesitan e na procura das mellores condicións de vida da cidadanía.
Neste marco de acción, destacou o incremento no Fondo de Cooperación Local, que ascende a 143,4 millóns de euros, un 17% máis que en 2022, e en especial da parte do fondo adicional, que rexistra unha subida récord do 135% e chega aos 30,5 millóns de euros para sufragar os servicios que precisamente máis demanda a cidadanía.
Con respecto ao Fondo de Cooperación Local, recordou que é un fondo incondicionado, de maneira que o importe recibido polos concellos galegos opera como un recurso propio e pode ser destinado ao que eles queiran, sen ter que xustificar os gastos. E é tamén un fondo garantido, posto que o seu importe non pode ser inferior en ningún exercicio ao que recibiu cada concello no ano 2010.



