HomePontevedraPoioPromoción Económica ultima a súa oferta de cursos de formación para o...

Promoción Económica ultima a súa oferta de cursos de formación para o ano 2023

- Anuncio -spot_img

• O edil responsable da área, Gregorio Agís (PSOE), salienta que Poio foi o segundo concello da bisbarra en experimentar unha maior creación de sociedades mercantís en 2022, con 37 novas entidades, a cifra máis alta da década

• As accións formativas levaranse a cabo entre febreiro e maio e incluirán sesións específicas para o sector marisqueiro, así como unha nova edición dos cursos levados a cabo durante o ano pasado e que acadaron un 100% en inscricións

O concelleiro de Promoción Económica e Urbanismo, Gregorio Agís (PSdeG-PSOE), confirma que ao longo do 2023 o Concello de Poio, a través do departamento que dirixe, volverá impulsar diferentes cursos e accións encamiñadas a reforzar a busca de emprego, a formación e o emprendemento entre os veciños e veciñas do municipio. “Imos darlle continuidade a iniciativas que desenvolvemos durante 2022 e que resultaron todo un éxito, tanto no que a número de persoas inscritas se refire como a insercións laborais”, explica o edil do Goberno municipal, que incide en que a organización destas formacións teñen continuidade “dada a alta demanda e as solicitudes que nos chegan desde a cidadanía”.

Xa desde este mes de xaneiro, desde Promoción Económica se ofrecerán cursos homologados para profesionais do sector do marisqueo a pé. En concreto, está previsto que no Centro de Formación da Reiboa, na Seca, se ofrezan ata tres ciclos vencellados ao sector, entre o mes de febreiro e abril. As temáticas versarán habilidades sociais para o sector marisqueiro e pesqueiro, formación cooperativa para o marisqueo a pé e manipulación de produtos frescos. Cada unha destas sesións contará con 20 prazas.

Ademais, Gregorio Agís adianta tamén que se volverán a repetir varios dos cursos gratuítos organizados en 2022 e que incluían a realización de prácticas en empresas, como o de loxística e distribución, caixa e reposición, expendedor de combustible e recepcionista en aloxamentos de carácter turístico. Neste caso, serán 15 as prazas ofertadas en cada un destes cursos, que tamén comezarán en febreiro e seguirán ata maio. “Foron ciclos nos que se esgotaron as prazas e que están a ser moi demandados novamente, polo que xa estamos estudando fórmulas para garantir unha segunda edición”, apunta o responsable de Promoción Económica e Urbanismo, que recorda, asemade, que na actualidade se está a desenvolver o programa VITA, que rematará en xuño e que se centra no desenvolvemento de marca persoal, e tamén se continuará o programa EcoInnova, pensado para ofrecer a particulares e empresas pautas que garantan unha maior eficiencia e aforro no consumo enerxético.

Crecemento de sociedades mercantís en Poio

Gregorio Agís tamén fixo un análise dos últimos datos publicados polo Boletín Oficial do Rexistro Mercantil (BORME), que cifran en preto de 40 as novas sociedades mercantís creadas en Poio durante o ano 2022. En concreto, foron 37 as entidades fundadas, o que supón a cifra máis alta nos últimos dez anos, superando o tope marcado en 2014 e 2017 con 34. “Se comparamos esta cifra coa de 2015, cando se crearon 15 sociedades, estamos a falar dun aumento de máis do 50%, algo que é salientable tendo en conta que vimos de dous anos moi condicionados pola pandemia da COVID-19”, apunta o concelleiro do PSdeG-PSOE.

A xuízo de Agís, o informe do BORME confirma que “estamos a traballar na boa liña á hora de achegar ferramentas e iniciativas que fomenten o emprendemento e a formación entre a nosa veciñanza, xa que cada vez son máis as persoas que apostan por crear os seus propios negocios”. Poio foi, despois de Pontevedra, o concello que más creceu neste apartado en toda a bisbarra. “Superamos a outros lugares como Barro, nos que existe un polígono empresarial plenamente consolidado. Temos claro que o crecemento en Poio aínda podería resultar moito maior se a Xunta de Galicia, coa complicidade do Partido Popular de Poio, non provocase o bloqueo do desenvolvemento do parque industrial de Fragamoreira”, conclúe Agís.

Publicacións Relacionadas