• As áreas de Benestar Social, Mocidade, Igualdade, Educación e Deportes traballan para dar forma a unha iniciativa que servirá para recadar fondos para o orfanato ‘Casa do Gaiato’, en Mozambique
• A proposta xorde a raíz do labor realizado pola directora do CIM, Raquel Morales, nas semanas que ficou no país africano formando parte dunha expedición enviada polo Fondo Galego de Cooperación, ao que Poio leva adherido máis de dúas décadas
O Concello de Poio prepárase para realizar unha celebración moi especial do Día Escolar da Non Violencia e da Paz, o vindeiro 30 de xaneiro. As áreas de Benestar Social, Mocidade, Igualdade, Deportes e Educación traballan de forma transversal para conmemorar esta data cunha iniciativa solidaria. O obxectivo é recadar fondos para o orfanato ‘Casa do Gaiato’. Situado ao sur de Mozambique, este centro conta na actualidade con máis de 150 de mozas e mozos, con idades comprendidas entre os 3 e os 20 anos, que carecen de familia por mor de conflitos bélicos e enfermidades. A idea de dar vida a esta nova fórmula de celebrar esta xornada provén dos lazos que o Concello de Poio estableceu co país africano a raíz do traballo realizado ‘in situ’ pola directora do Centro de Información á Muller (CIM) de Poio, Raquel Morales. No outono de 2022, Morales formou parte da expedición que viaxou ata
Mozambique para colaborar cos parceiros do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, ao cal leva adherido o Concello desde hai máis de dúas décadas.
Este é o punto de partida para dar un novo enfoque á conmemoración do Día Escolar da Non Violencia e da Paz, que se desenvolve nos centros educativos do municipio e que ata o de agora era dun carácter máis simbólico. Esta semana, as concelleiras de Benestar Social e Mocidade, Rosa Fernández (PSdeG-PSOE); Igualdade, Silvia Díaz (Avante Poio); Deportes, Marga Caldas (BNG), e Educación, Raquel Rodríguez (BNG) mantiveron unha reunión de traballo para perfilar o programa. Foi unha cita que tivo lugar na Casa Consistorial e na que tamén tomaron parte técnicas destes departamentos. Está previsto que nos vindeiros días se celebre un novo encontro, nesta ocasión con representantes dos CEIPS e do IES de Poio, para continuar dando forma á iniciativa. Será unha reunión na que, ademais de trasladar os detalles da proposta, tamén se resolverán dúbidas e se terán en conta as achegas que poida realizar o sector educativo, que, tal e como explican as dirixentes responsables destas áreas, “será o gran protagonista desta iniciativa solidaria”.
Durante a súa estancia en Mozambique, Raquel Morales encargouse de traballar coa especialista na área de Igualdade da Fundaçao Encontro na diagnose de xénero nos centros infantís de cinco comunidades rurais que se atopan en Boane. Ademais, a técnica poiense tamén asumiu o deseño, organización e realización de actividades coeducativas, entre outras tarefas.



