HomeDeputaciónsDeputación PontevedraA Deputación reclámalle á Xunta que "saia do seu clamoroso silencio" e...

A Deputación reclámalle á Xunta que “saia do seu clamoroso silencio” e axude aos concellos, persoas e empresas afectadas polos temporais do Nadal

- Anuncio -spot_img

O Goberno provincial presenta unha moción ao Pleno esixindo a aprobación inmediata da declaración da Emerxencia de Interese Galego e a publicación do decreto de subvencións

Demándase á Xunta que “se poña a traballar” no informe xustificativo para solicitar tamén ao Goberno do Estado a declaración de Zona Afectada Gravemente por Emerxencia

O Goberno da Deputación de Pontevedra decidiu non quedar parado diante dos graves danos causados polos temporais do pasado Nadal, que afectou especialmente á provincia. O Pleno ordinario do próximo día 27 debaterá unha moción asinada polos grupos provinciais do PSdeG-PSOE e o BNG na que se reclama da Xunta de Galicia que exerza as súas competencias exclusivas e “saia do seu clamoroso silencio” poñéndose a traballar para axudar aos concellos, persoas e empresas máis prexudicados/as.

A moción reclama a inmediata aprobación da declaración da Emerxencia de Interese Galego e do Decreto regulador das axudas habilitando para elo os créditos necesarios, ao amparo dos artigos 36 e 38 da Lei de Emerxencias de Galicia. No texto, a Deputación insiste en que os fondos autonómicos deben ser obxectivos, transparentes e suficientes para non repetir os erros das últimas dúas únicas emerxencias galegas declaradas, con motivo da vaga de lumes, en agosto de 2016, e da pandemia, entre os anos 2020 e 2021. No primeiro caso, as subvencións foron anecdóticas e opacas e no segundo, ademais da habitual opacidade, deixouse absolutamente desamparados aos concellos que non recibiron nin un euro, subliña o texto.

Ademais, a Deputación lémbralle á Xunta que, ao tratarse dunha emerxencia de ámbito galego, correspóndelle poñerse a traballar e remitir ao Goberno de España un informe detallado dos danos causados polos temporais nas catro provincias. Ao amparo dos artigos 21 e 23 da Lei do Sistema de Protección Civil correspóndelle á Xunta de Galicia instar ás autoridades estatais a aprobar a declaración de Zona Afectada Gravemente por unha Emerxencia de Protección Civil e facer o posible por xustificar que se dan as condicións legais previstas para a participación estatal na reparación dos prexuízos causados por esta emerxencia.

A moción destaca que das 400 incidencias rexistradas o 1 de xaneiro, case a metade tiveron lugar na provincia de Pontevedra e concellos, persoas e empresas seguen agardando polo Goberno galego. Unha vez máis os concellos, especialmente no sur da provincia de Pontevedra, onde se rexistraron os maiores estragos, parecen condenados a facer fronte en solitario á “factura” dunha situación de emerxencia que a Xunta se nega a recoñecer ata o momento. As competencias autonómicas en caso de catástrofes con graves danos están claramente recoñecidas na Lei de Emerxencias, pero o Goberno galego parece decidido a incumprir a súa propia lexislación e negar a evidencia dunha emerxencia que provocou cuantiosos danos en dotacións e servizos públicos, así como nas propiedades de persoas e empresas.

Finalmente, a Deputación recalca que, con independencia de que a cidadanía xa ten dispoñible a vía ordinaria de pedir subvencións a fondo perdido ao Estado no marco do Real Decreto 307/2005 que habilita axudas para casos de danos en vivenda habitual e nos “enseres básicos” por mor dunha catástrofe, é necesario que a Xunta active fondos propios extraordinarios co amparo legal da figura da declaración da Emerxencia de Interese Galego e trate, ademais, de impulsar a declaración estatal de Zona Afectada Gravemente por Emerxencia.

Publicacións Relacionadas