HomePontevedraPontevedraO servizo de aparello dixestivo do CHUP participa nun estudo sobre hepatite...

O servizo de aparello dixestivo do CHUP participa nun estudo sobre hepatite autoinmune publicado na revista científica internacional Hepatology

- Anuncio -spot_img

― A doutora Indhira Pérez Medrano, hepatóloga do Complexo pontevedrés, é a terceira asinante deste estudo no que se esclarece a abordaxe terapéutica no brote inicial desta enfermidade


― Esta patoloxía, das denominadas raras, ten unha inicidencia alta na Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, na que hai 80 pacientes en seguimento


― O traballo publicado en ‘Hepatology’ estudou a seguridade e eficacia dunha opción alternativa de tratamento fronte á medicación establecida en guías clínicas internacionais

O servizo de aparello dixestivo co Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra ven de participar nun estudo sobre hepatite autoinmune publicado na prestixiosa revista científica internacional Hepatology. A doutora Indhira Pérez Medrano, hepatóloga do Servizo de Dixestivo do Complexo pontevedrés asociada ao Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, é a terceira asinante deste estudo que esclarece a mellor abordaxe ante o brote inicial desta hepatite. Este traballo, no que participan centros de toda España, publicouse en versión dixital tras unha revisión exhaustiva de preto de dous anos.

A hepatite autoimune é unha patoloxía que cursa con brotes que son controlados habitualmente mediante corticoides e tratamento inmunosupresor. Ata o de agora, as guías oficiais europeas recomendaban a budesonida coma alternativa en primeira liña á prednisona, sendo este último medicamento o máis utilizado tradicionalmente. A publicación deste estudo amosa que, mentres que o tratamento tradicional presenta máis efectos secundarios, a súa alternativa é menos eficaz pero máis segura, unha información de alto valor para poder indicar o tratamento máis adecuado segundo o perfil do paciente.

Segundo sinala a doutora Indhira Pérez Medrano, “a través da revisión sistemática de casos na nosa Área Sanitaria tratados cun e outro corticoide, agora temos mellores datos para establecer o perfil clínico idóneo para esta liña de tratamento”. Dita conclusión chega tras unha exhaustiva revisión de casos clínicos na que o Complexo Hospitalario Universitario pontevedrés foi un dos principais achegando datos de pacientes. “Colaboramos con grandes centros de toda España, é todo un orgullo para nós, especialmente neste ámbito, xa que non hai moitos estudos sobre o uso da budesonida na práctica clínica habitual”, conclúe a doutora Pérez Medrano.

Incidencia alta na área de Pontevedra e O Salnés
A hepatite autoimune, clasificada dentro do grupo das enfermidades raras, ten unha incidencia alta na Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, na que hai rexistrados 80 pacientes en seguimento. Desde hai anos, o servizo de aparello dixestivo en Pontevedra colabora con centros de toda España no rexistro e busca activa de hepatite autoinmune e colanxite biliar primaria, doenzas hepáticas crónicas de orixe autoinmune cuxa causa non é aínda clara. A publicación deste estudo supón un novo paso para mellorar o tratamento das persoas afectadas por esta enfermidade, para a que non se coñece cura.

Publicacións Relacionadas