• Sinala que “todos estamos preocupados por cubrir as prazas e por dar unha mellor atención sanitaria, pero a convocatoria da reunión ten que ser con medidas concretas e propostas concretas e construtivas. Crear unha fronte común de alcaldes e alcaldesas, onde non se sabe moi ben que se vai a pedir non é operativo. Parece que se pretende facer máis política que outra cousa”
Alcaldes do Partido Popular anunciaron esta mañá que asistirán á reunión convocada polo Conselleiro de Sanidade a próxima semana para falar coas persoas que teñen competencia en materia sanidade, para que lles expliquen e indiquen que pasos se están dando para reverter os problemas que hai pola falta de médicos en atención primaria.
Así o explicou María Ramallo, que actuou como voceira dos alcaldes do PP, e lamentou que a reunión convocada para hoxe por Miguel Anxo Fernández Lores en Pontevedra non lles gustou nin na forma nin no fondo. “Convocóusenos por carta, pero enterámonos antes polos medios de comunicación, cunha data imposta, e a ninguén se lles escapa que hoxe inaugúrase Fitur e moitos alcaldes da provincia están en Madrid con compromisos adquiridos previamente. E tampouco o fondo, porque si un mandato foi exemplarizante na colaboración cos concellos no tema sanitario foi este, porque a raíz da pandemia celebramos moitísimas reunións desta área sanitaria cos seus responsables sanitarios de todos os alcaldes e alcaldesas. E aí é onde e con quen temos que seguir avanzando en materia sanitaria”.
A popular dixo que “os problemas na atención primaria son evidentes, e levamos tempo traballando para solucionalos. Todos estamos preocupados por cubrir as prazas e por dar unha mellor atención sanitaria, pero a convocatoria da reunión ten que ser con calado de fondo. Con medidas concretas, con propostas concretas e construtivas. Crear unha fronte común de alcaldes e alcaldesas, onde non se sabe moi ben que se vai a pedir non é operativo. Parece que se pretende facer máis política que outra cousa”. Nesta liña, incidiu que “non podemos dicir que se está desmantelando a sanidade pública nin que se fan recortes, porque o problema é de recursos humanos e de persoal, e por iso o Goberno central ten que implicarse para reverter esta situación”.
Recordou que esta situación non é nova, “non hai médicos e desde 2018 xa se están poñendo en riba da mesa medidas que intentan solucionar esta situación, como por exemplo convocatorias extraordinarias a través de concursos de méritos. Moitos concellos temos agora mesmo cubertas as prazas vacantes grazas a esta convocatoria que, por certo, foi rexeitada por PSOE e BNG”.
Así, incidiu en que “hai medidas que dependen da Consellería de Sanidade, pero tamén hai outras que dependen do Ministerio de Sanidade e que son fundamentais para reverter este problema. Non quero pensar en que alguén está cómodo nesta situación, en non poñer remedio a unha especialidade de urxencias ou a formar máis médicos de atención primaria como se leva reclamando desde hai xa tempo”.
Por último, a popular agradeceu o extraordinario traballo dos médicos dos PACs, de atención primaria, de urxencias, pediatras… “están facendo unha labor importante. Hai que intentar reverter esta situación buscando máis médicos de atención primaria”.



