HomeDeputaciónsDeputación OurenseManuel Baltar: “Ourense xa é un destino moi competitivo no sector do...

Manuel Baltar: “Ourense xa é un destino moi competitivo no sector do turismo de reunións a nivel nacional e internacional”

- Anuncio -spot_img

O presidente da Deputación presentou hoxe en Fitur a estratexia “Ourense provincia MICE, Colle Velocidade”, remarcando o peso específico dun de “os segmentos turísticos que maior potencial de crecemento e impacto económico ten no noso territorio coa chegada da Alta Velocidade”

Manuel Baltar profundou na importancia do traballo realizado polo goberno provincial para rendibilizar as vantaxes competitivas que supuxo para Ourense a chegada da AVE, con eixos como o impulso ao sector audiovisual, o termalismo, o deporte ou a organización de eventos como o Congreso Internacional de Turismo Termal, a Comisión de Deputacións da FEMP, a Conferencia Política da CEPLI ou o Congreso de Asociacións Xacobeas

Sobre o turismo de reunións, explicou Manuel Baltar, “o nivel de gasto diario dos visitantes revela a importancia desta industria no referente a xeración de valor e crecemento para un destino, contribuíndo en retos crave como a desestacionalización ou a recorrencia”

No último ano, a Deputación traballou a través do Inorde no impulso deste sector participando en foros especializados e poñendo en marcha, en colaboración con Turismo de Galicia, un catálogo dixital de espazos singulares que constitúe unha ferramenta especializada de comercialización

A provincia de Ourense promociónase na 43.ª Feira Internacional de Turismo en Madrid, como un “destino MICE” -siglas en inglés para denominar ao turismo de reunións, incentivos, convencións e exposicións- singular e de calidade ante os profesionais e empresas do sector para dar impulso a “un dos segmentos que maior potencial de crecemento e impacto económico ten no noso territorio coa chegada da Alta Velocidade”, explicou na súa intervención o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar.

No acto central de presentación da provincia en Fitur, o presidente do goberno provincial estivo acompañado esta mañá pola directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro, e a xerente do Inorde, Emma González.

Coa chegada da Alta Velocidade a Galicia, sendo Ourense a súa porta de entrada, “o noso territorio converteuse nun destino moi competitivo no panorama nacional e internacional para o segmento MICE”, afirma Manuel Baltar. Esta conectividade ferroviaria viuse reforzada aínda máis este ano coa inauguración dunha nova liña directa de AVE entre Alacante e Ourense, permitindo que un viaxeiro poida cruzar a Península Ibérica en menos de 5 horas.

Manuel Baltar profundou na importancia do traballo realizado polo goberno provincial para as vantaxes competitivas que supuxo para Ourense a chegada da Alta Velocidade, con eixos como o impulso ao sector audiovisual -“que nos/nos levou a un 2022 histórico, no que chegaron a coincidir seis rodaxes simultáneas e no que lanzamos a Ourense Film Commission”-, o termalismo, o deporte ou a organización de eventos.

A capacidade de Ourense para atraer e organizar congresos de primeiro nivel

O goberno provincial entende o turismo “como un gran elemento vertebrador do territorio, mediante a articulación de experiencias de alto valor engadido, que son as que elixe o visitante atraído polo MICE”, destaca Manuel Baltar, que lembra como nos últimos meses Ourense demostrou a súa capacidade de atracción para acoller e organizar citas como o Congreso Internacional de Turismo Termal -en setembro do 2022- ou, nas próximas semanas, a Comisión de Deputacións da Federación Española de Municipios y Provincias (FEMP) -6 de febreiro-, a Conferencia Política da Confederación Europea de Poderes Locais e Intermedios (CEPLI) -7 de marzo- ou o Congreso Internacional de Asociacións Xacobeas -20 ao 23 de abril-.

Segundo datos publicados por Turespaña, o gasto medio diario do turista de reunións situábase na contorna dos 315-320 euros en época pre-pandemia. Poñendo en contexto estas cifras, este nivel de gasto diario chegou a ser máis do triplo que o dun turista que viaxa por motivos de lecer en España. “Estes datos revelan, por tanto, a importancia da industria do turismo de reunións no referente a xeración de valor e crecemento para un destino, contribuíndo en retos crave como a desestacionalización, ou a recorrencia”, engade Manuel Baltar.

Ante esta realidade, a Deputación de Ourense, a través do Inorde, “veu traballando o desenvolvemento deste produto e un dos resultados é este buscador dixital de espazos singulares que presentamos e que constitúe unha ferramenta especializada de comercialización. O noso obxectivo é brindarlles o escenario para que o seu traballo -o dos organizadores profesionais, axencias de márketing ou planificadores- sexa un éxito compartido con Ourense. Un destino que denota autenticidade e no que resulta sinxelo, sostible e competitivo planificar eventos diferenciados grazas aos recursos cabeceira do territorio (patrimonio, termalismo, natureza e enogastronomía”, sinalou o presidente do goberno provincial.

Estes ingredientes combinan co turista de negocios, que cada vez engade máis actividades de lecer aos seus itinerarios, creando unha viaxe denominada «bleisure travel» -termo composto pola unión das palabras en inglés “business” e “leisure”-.

Catálogo dixital con espazos singulares de Ourense

Pola súa banda, a xerente do Inorde explicou na súa intervención que este catálogo de recursos, realizado en colaboración con Turismo de Galicia, ponse ao dispor dos usuarios cunha recompilación das características de 65 espazos singulares entre os que se atopan desde mosteiros situados na Ribeira Sacra ata adegas ou leiras rústicas no Ribeiro, outros espazos patrimoniais como fortalezas entre as que reina Monterrei, ou infraestruturas ligadas aos balnearios e recursos termais. Tamén se poden localizar espazos convencionais como os auditorios de toda a provincia, recintos feirais ou teatros de maior capacidade alojativa pero tamén lugares icónicos como “covas” en Valdeorras, aldeas rurais, e espazos naturais que converterán calquera evento profesional ou deportivo nun encontro de alto valor engadido.

A dixitalización de destinos, a chegada da Alta Velocidade e a profesionalización dos servizos “farán deste catálogo unha ferramenta que mellore a comercialización e promoción da provincia en diversos mercados emisores que, á súa vez, promoverán o turismo de reunións a nivel nacional e internacional”, engadiu a xerente do Inorde, quen lembrou que ao longo do 2022, o Inorde estivo a traballar no impulso do turismo MICE participando en tres foros de referencia como Iberian Forum MICE, Culturfair ou IBTM Wolrd para presentar esta ferramenta en encontros B2B.

Actualmente, a páxina web https://miceourense.com conta con espazos divididos nas categorías de acolledores, formais e singulares, traducido en tres idiomas -galego, castelán e inglés- cunha ficha técnica detallada de cada un dos produtos acompañados por fotografías de cada espazo. Un catálogo dixital aberto e ao dispor do sector privado e público que conte con espazos deste tipo para ser incluídos na mesma.

Vídeo promocional

Durante a presentación en Fitur 2023 desta estratexia da Deputación de Ourense, lanzouse o vídeo “Ourense provincia MICE, Colle Velocidade” que transmite o carácter singular e diferenciador que ofrece o destino como sede de congresos e reunións, un lugar “non só para acoller o seu evento, senón que sirva para que os asistentes poidan vivir unha experiencia completa nun destino auténtico”, explicou a xerente do Inorde. Este novo medio audiovisual servirá de apoio para a promoción da provincia como “destino MICE” en redes sociais, medios dixitais e foros especializados.

Publicacións Relacionadas