• A concelleira responsable da área e tenente de alcalde, Silvia Díaz (Avante Poio), presidiu este mércores o Consello Municipal da Muller, no que as representantes dos colectivos que forman parte deste órgano municipal presentaron as súas propostas para elixir ás mulleres que serán homenaxeadas con motivo do Día Internacional da Muller
A Concellería de Igualdade, dirixida pola tenente de alcalde, Silvia Díaz (Avante Poio), xa está a perfilar a programación para conmemorar o Día Internacional da Muller, o vindeiro 8 de marzo. A edil responsable deste departamento adianta que nesta edición recuperarase o homenaxe a veciñas do municipio, unha por cada parroquia, para recoñecer a súa traxectoria social, vital e laboral. Trátase dun acto que nas edicións dos dous últimos anos non puido desenvolverse por mor da situación sanitaria.
Este foi un dos puntos abordados na convocatoria do Consello Municipal da Muller que se celebrou este mércores no Salón de Plenos do Concello. Foi unha cita na que as representantes dos colectivos que forman parte deste órgano ofreceron as súas propostas para elixir ás homenaxeadas neste 2023. Silvia Díaz salienta a importancia de poder retomar un acto que se celebrou por última vez en marzo de 2020 e que serviu para render homenaxe a María del Carmen Rodiño (San Salvador), Teresa de la Fuente (San Xoán), Divina Barreiro (Combarro), Genoveva Sanmartín (Samieira) e Manuela Gómez (Raxó). “Estamos moi contentas de poder retomar unha cita tan importante e emotiva, que serve para poñer en valor e dar visibilidade ao traballo e esforzo realizado polas nosas veciñas durante a súa vida”, sinala Díaz, que tamén agradece a implicación e interese do tecido asociativo á hora de participar nesta selección.
Ademais, durante o Consello da Muller tamén se abordaron outras cuestións, como a elección das dúas representantes do órgano que formarán parte da Asamblea Cidadá. A maiores, a directora do Centro de Información á Muller (CIM), Raquel Morales, explicou os detalles da iniciativa solidaria que o Concello de Poio, a través das áreas de Igualdade, Benestar Social, Mocidade, Educación e Deportes, quere promover para recadar fondos para o orfanato ‘Casa do Gaiato’, en Mozambique. Neste país foi no que Morales participou, a través do Fondo Galego de Cooperación, levou a cabo un traballo de campo en materia de igualdade, a través do cal xurdiu esta idea altruísta. Silvia Díaz lembra que esta iniciativa levarase a cabo nos centros educativos do municipio e, a maiores, “ofrecemos ás asociacións do Consello a posibilidade de colaborar, no caso de que estean interesadas en sumarse a esta causa solidaria”.
Con respecto á programación do 8 de marzo, está previsto que o seu contido sexa presentado nas vindeiras semanas. En todo caso, Díaz avanza que unha das actividades será a andaina do 25N, que non puido desenvolverse por mor da meteoroloxía. Ademais de Díaz, participaron na convocatoria edís representantes dos grupos da Corporación municipal (Raquel Rodríguez polo BNG, Julio Casás polo PSdeG-PSOE e María José González polo PP) e integrantes dos diferentes colectivos que forman parte do Consello da Muller, como a Asociación de Mulleres Arela, Mulleres en Igualdade, Mulleres Progresistas, Mulleres do Mar, Airiños do Mar, Asociación de Veciños A Larxe de Raxó e Asociación de Veciños do Bao e Asociación Veciñal de Lourido.



