HomePontevedraO SalnésA Oficina de Coordinación de Transplantes da área Sanitaria de Pontevedra e...

A Oficina de Coordinación de Transplantes da área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés xestionou durante 2022 a doazón de 18 órganos e 12 tecidos

- Anuncio -spot_img
  • No que atinxe á recepción clínica de doazóns multiorgánicas, o pasado ano xerou as doazóns de 16 riles, 2 fígados, 12 córneas e un tecido ósteotendinoso
  • Dos oito doadores reais que asumiu este departamento da Área Sanitaria durante 2022, catro eran varóns e catro eran mulleres
  • Tras a realización dun estudo caso por caso, esta oficina serve como enlace coa Organización Nacional de Transplantes e inicia os procedementos para coordinar a todos os servizos do hospital que interveñen no proceso de extracción

A Oficina de Coordinación de Transplantes -OCT- da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés xestionou durante o recén rematado ano 2022 a doazón dun total de 18 órganos e 12 tecidos rexistrados no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra.

Segundo indicou xoxe na presentación destes datos no hospital Montecelo o coordinador deste departamento, o doutor José Luís Martínez Melgar, nesta Área Sanitaria foron detectados oito doadores reais, grazas aos cales se acadou a xestión da doazón destes órganos e tecidos.

No que atinxe á recepción clínica de doazóns multiorgánicas, o pasado ano 2022 a Oficina de Coordinación de Transplantes da Área Sanitaria xerou, en concreto, as doazóns de dezaseis riles, doce córneas, dous fígados e un tecido ósteotendinoso.

Un aspecto importante a ter en conta é que, en función da idade e do sexo, o perfil dos doadores é diverso. Neste senso, o balance de 2022 revelou que un 26% dos doadores da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés eran menores de 65 anos, outro 37 % rexistraba idades comprendidas entre os 65 e 74 mentres que o 37% restante era maior dos 75 anos.

Catro varóns e catro mulleres doaron órganos
Así mesmo, dos oito doantes reais que asumiu a Oficina de Coordinación de Transplantes no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra o pasado ano, catro eran varóns e catro eran mulleres.

A idade do paciente que vén de falecer continúa a ser o factor determinante á hora de levar a cabo a extracción dos órganos. De aí que, tendo en conta o perfil de doante real que se rexistrou en 2022, a a área sanitaria de Pontevedra e O Salnés xerou máis doazóns de órganos abdominais, como ben poden ser os riles e o fígado, e tamén un número importante de córneas.

Dada a idade dos doadores, rexístranse en menor cantidade as extraccións dos órganos torácicos, que nalgúns casos -2 ocasións- desestímanse por contraindicacións médicas.

Outro dato salientable do balance deste pasado ano foron os sete doantes potenciais da Área Sanitaria que non poideron constatarse coma doadores reais por presentar negativas familiares -en catro ocasións- ou por anomalía vascular outro deles.

A Oficina de Coordinación de Transplantes da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés é o departamento encargado de detectar aqueles posibles casos de pacientes cuxa evolución clínica é susceptible de derivar nunha morte cerebral, circunstancia que os postularía como candidatos a efectuar unha doazón.

Tras a realización dun estudo axeitado, caso por caso, a Oficina de Coordinación de Transplantes da Área Sanitaria actúa coma enlace coa Organización Nacional de Transplantes e inicia os procedementos necesarios para coordinar a todos e cada un dos servizos do hospital que interveñen no proceso de extracción.

Equipo multidisciplinar de profesionais
Segundo sinala o coordinador deste departamento, o doutor José Luís Martínez Melgar, é “o equipo de profesionais multidisciplinar formado por máis de vinte especialistas do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra é o que participa na extracción dos órganos correspondentes. Entre eles, os membros da Oficina de Coordinación de Transplantes, integrado na actualidade por tres facultativos e dous profesionais de Enfermaría, así como persoal auxiliar, celadores e efectivos das áreas de Anestesioloxía e Reanimación, Cirurxía, Neuroloxía, Neurofisioloxía, Oftalmoloxía, Radioloxía, Análises Clínicas, Microbioloxía, así coma persoal facultativo e de enfermaría da Unidade de Coidados Intensivos, coma unidade xeradora dos potenciais doadores”.

No seu papel coma coordinadores, entre as funcións dos integrantes da Oficina de Coordinación de Transplantes da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés tamén está a do mantemento do doador nas condicións óptimas para que a extracción se poida levar a cabo axeitadamente.

Publicacións Relacionadas