• O alcalde, Luciano Sobral, visitou estes días a nova área, que se situará entre as rúas Río Sil e Umia, que xa conta con mobiliario urbano e especies arbóreas
• A través deste tipo de actuacións o Concello de Poio aposta por consolidar a filosofía impulsada a través da campaña Poio en Verde
O alcalde de Poio, Luciano Sobral, acompañado polas concelleiras nacionalistas Marga Caldas e Raquel Rodríguez, visitou estes días o núcleo da Caeira, pertencente á parroquia de San Salvador, para pasar revista ao estado das obras que se están a acometer nunha parcela anexa coa vía que enlaza as rúas Río Sil e Umia. Este é o emprazamento escollido polo Concello para habilitar unha zona verde, que xa con especies arbóreas autóctonas, mobiliario urbano e tamén con aparellos biosaudables, que serán instalados proximamente.
As tarefas para poñer a punto esta área, que aspira a converterse “nun punto de encontro para a veciñanza deste núcleo”, tal e como explicou o alcalde Sobral, deron comezo a finais do ano pasado. Despois de preparar o terreo procedeuse á colocación do mobiliario e a plantación das árbores. A dotación dos biosaudables tivo que pospoñerse algo máis do agardado por mor das adversas condicións meteorolóxicas das últimas semanas. Nas últimas xornadas xa se procedeu á colocación da base na superficie na que se emprazarán os aparellos. Ademais, precintouse o perímetro para permitir o correcto desenvolvemento das tarefas.
Tanto Sobral como as concelleiras Marga Caldas e Raquel Rodríguez coinciden á hora de explicar que os novos elementos, que inclúen un valado de madeira, respectan por completo a contorna. Esta actuación segue a filosofía que se consolida no municipio a través da campaña Poio en Verde. Esta iniciativa está impulsada de xeito transversal por varias áreas, como son Medio Ambiente, Deportes, Seguridade Cidadá, Cultura e Educación, e fixa obxectivos vencellados coa dotación de zonas e espazos ao aire libre, a través dos cales se poidan fomentar hábitos saudables, a accesibilidade universal e o respecto pola contorna.
Rúa de servizo creada durante o actual mandato
O vial que une Río Sil e Río Umia construíuse en 2021, estando operativo desde o segundo semestre dese ano. Tratouse dunha actuación que foi levada a cabo pola Concellería de Urbanismo, dirixida polo socialista Gregorio Agís, en coordinación coa área de Obras e Servizos, xestionada polo tamén socialista Julio Casás. Ao longo dos seus máis de 100 metros de extensión, esta rúa conta con todo o equipamento necesario para garantir a seguridade peonil, ao dispor de novas beirarrúas de 2,5 metros de ancho.
Ademais, tamén se procederon a habilitar unhas 15 prazas para o estacionamento de vehículos. A maiores, a infraestrutura conta coas pertinentes redes de abastecemento, saneamento e telecomunicacións, así como con mobiliario urbano e novas luminarias



