HomePontevedraPoioO punto limpo móbil de Poio contou cunha media de máis de...

O punto limpo móbil de Poio contou cunha media de máis de 70 usuarios mensuais durante o ano 2022

- Anuncio -spot_img

• O edil de Servizos Municipais, o socialista Julio Casás, destaca que os datos de maior actividade corresponden aos meses de verán, no que a poboación aumenta considerablemente no municipio

• O dispositivo desprázase a cada parroquia do municipio de xeito semanal e permite o tratamento de residuos como electrodomésticos, chatarras ou textís, entre outros

O Punto Limpo Móbil de Poio, posto en funcionamento neste mandato (concretamente desde principios de 2020), mantivo unha actividade moi regular ao longo de todo o 2022. Así consta no informe elaborado pola empresa responsable do tratamento do lixo, Valoriza, no que se incide en que este servizo de carácter itinerante contou cunha media mensual de máis de 70 usuarios e usuarias. Tal e como recorda o concelleiro responsable da área de Obras e Servizos Municipais, Julio Casás (PSdeG-PSOE), o dispositivo está a disposición da veciñanza con carácter gratuíto, manténdose durante tres días á semana en diferentes emprazamentos das parroquias, a excepción de Raxó e Samieira, onde permanece operativo dous días na última semana de cada mes.

O total de entregas de residuos realizado durante todo o ano 2023 estivo preta das 900.
Como xa é habitual, foron os meses de verán os que rexistraron unha maior actividade, especialmente en agosto e xuño, con 97 e 94 entregas realizadas, ás que hai que sumar as 86 que se levaron a cabo en xullo. Casás sinala que é na época estival na que “Poio experimenta un crecemento importante de poboación, polo que este aumento é normal”.

O concelleiro socialista incide, asemade, en que a actividade se mantivo de xeito periódico durante todo o ano, xa que, á marxe destes picos, tamén hai que salientar os 76 usuarios e usuarias que se achegaron ao Punto Limpo Móbil en febreiro ou os 81 en abril.

O responsable de Obras e Servizos Municipais recorda que os emprazamentos nos que se instala periodicamente o Punto Limpo Móbil son, por esta orde: o parque de Costa Xiráldez (San Salvador), o aparcadoiro da Reiboa (San Xoán), o aparcadoiro de Chancelas (Combarro), a Praza Alfredo Romay (Samieira) e a rúa Leopoldo Nóvoa (Raxó). Nos dous últimos casos, a instalación permanece activa na última semana de cada mes (martes e mércores e xoves e venres, respectivamente). “Este dispositivo púxose en marcha para que a veciñanza teña a oportunidade de contar cun método axeitadopara o tratamento de restos específicos, como poden ser electrodomésticos, mobles, restos textís madeiras, chatarra, plásticos e Residuos de Aparatos Eléctricos e Electrónicos (RAEE), para que reciban o tratamento de reciclaxe axeitada”, apunta Julio Casás, que incide tamén nos beneficios que supón que este servizo visite cada parroquia de xeito periódico. “Isto facilita que os veciños e veciñas poidan facer uso da prestación sen ter que realizar grandes desprazamentos, algo que é de valorar tendo en conta a dispersión xeográfica do noso concello”, engade.

O horario de atención ao público do Punto Limpo Móbil é de 9.00 a 14.00 horas, salvo no caso dos días no que se sitúa en Chancelas. Alí, para non coincidir coas horas de entrada e saíde dos escolares, está operativo entre as 9.30 e as 13.30 horas. Na páxina web do Concello pódese consultar o calendario do servizo, así como as súas vantaxes e tipos de lixo que se trata.

Publicacións Relacionadas