O presidente da Deputación recibiu no Pazo Provincial a Manuel Pérez, que onte mesmo tomou posesión do seu cargo. “Será “unha traxectoria chea de éxitos pola experiencia dun home vinculado coa política local desde hai máis de trinta anos”, afirmou Baltar
O rexedor cualificou o encontro como “unha primeira toma de contacto moi positiva”, subliñando a colaboración do goberno provincial, “pois sen a súa axuda non daríamos cuberto todas as obras e servizos básicos que, aínda por pequenas que sexan, son moi importantes para a veciñanza”
Na reunión repasaron as obras de infraestruturas e servizos nos que colaboran ambas administracións, así como o proxecto da piscina municipal e o futuro Centro de Transformación de produtos do sector primario na vella estación de tren de Cantoña
O presidente da Deputación, Manuel Baltar, recibiu no Pazo Provincial ao novo alcalde de Paderne de Allariz, Manuel Pérez, co que analizou as liñas de colaboración abertas entre o goberno provincial e o concello, que van desde a execución de obras de urbanización e abastecemento ata un proxecto de transformación de produtos do sector primario.
Manuel Baltar expresou ao rexedor os seus parabéns pola nova etapa que principia, tras tomar posesión do seu cargo onte mesmo. “Estou seguro que será unha traxectoria chea de éxitos”, afirmou o presidente da Deputación, que destacou “a experiencia dun home con vocación de traballo, como así o demostra a súa vinculación coa política local desde hai máis de trinta anos”.
O presidente do goberno provincial e o alcalde de Paderne de Allariz repasaron durante o encontro os proxectos nos que colaboran ambas administracións e que se executan en varios núcleos de poboación do municipio, entre os que figuran as obras de humanización de rúas, rede de sumidorios e abastecemento, incluída a recuperación de dous mananciais.
Tamén abordaron a construción da piscina municipal, proxecto que financia a Deputación e que segue a súa fase de tramitación, ademais de revisar as actuacións relativas ao futuro Centro de Transformación de produtos do sector primario que, impulsado a través do Inorde, converterá a vella estación de tren de Cantoña nunha planta de procesado que axudará aos pequenos produtores e emprendedores do rural ourensán.
Manuel Pérez, que agradeceu as palabras de benvida de Manuel Baltar, cualificou o encontro como “unha primeira toma de contacto moi positiva”, subliñando “a súa disposición a escoitar as nosas propostas”. Unha colaboración que, segundo asegurou o alcalde, “é fundamental para nós, pois sen axuda da Deputación non daríamos cuberto todas estas obras e servizos que, aínda por pequenos que sexan, son moi importantes para a veciñanza”.