Home Deputacións Deputación Pontevedra O Museo de Pontevedra entrega mañá ao Goberno Polaco os cadros espoliados...

O Museo de Pontevedra entrega mañá ao Goberno Polaco os cadros espoliados polos nazis atopados na súa colección

- Anuncio -

O vicepresidente Mosquera asegura que a restitución “é un acto de xustiza” que agarda sirva de exemplo para outros museos e coleccións privadas

As pezas serán recollidas por unha comitiva do Estado Polaco e trasladadas ao Museo nacional de Poznan por unha empresa especializada en arte

“Para nós a restitución é un acto de xustiza do que estamos tremendamente orgullosos. Volveríamos repetilo e creo que fixemos o que tiñamos que facer, e agardo que sirva de exemplo para que outros museos e coleccións privadas fagan o mesmo. Non é de recibo estar gozando dunhas obras de arte sabendo cal foi a súa orixe, un espolio en toda regra durante a invasión nazi de Polonia”.
Así de contundente se amosou hoxe o vicepresidente da Deputación e responsable do Museo de Pontevedra Cesáreo Mosquera ao anunciar que, tras dous anos de trámites, unha delegación do Goberno de Polonia recollerá mañá os dous cadros identificados nos fondos provinciais como procedentes do espolio nazi: un díptico formado por unha dolorosa e un ecce homo do século XV.
O vicepresidente lembrou que o Museo de Pontevedra é dos poucos museos que ante o descubrimento na súa colección de pezas cunha orixe espúrea -a pesar de ter sido adquiridas de maneira legal e con boa intención- se presta a devolvelas con todas as facilidades. Lembrou de feito, o informes do Departamento de Estado de Estados Unidos que puxo como exemplo ao Museo de Pontevedra polas súas boas prácticas no tratamento de arte espoliado.
Neste sentido, o nacionalista subliñou que se ben o Museo vén de recibir os recoñecementos da ‘Q’ de calidade e o ‘S’ de sustentabilidade turística, podería ter recibido tamén un ‘R’ en recoñecemento á boa vontade pola “restitución” dos bens espoliados, “un asunto tan apreciado ou máis para nós que as outras distincións”.
Será unha delegación do Goberno Polaco, encabezada pola directora de Departamento de Bens Culturais do Ministerio de Cultura e Patrimonio Nacional da República de Polonia, Elzbieta Rogowska, a encargada de asinar a acta de entrega (12,30h Edificio Castelao). Despois, unha empresa especializada en arte, fará o traslado a Madrid para logo facer un envío vía avión ata Polonia, onde se terán en depósito no Museo Nacional de Poznan ata aclarar o seu destino definitivo.
Con respecto aos reparos e reclamacións da familia que se reclama como propietaria lexítima dos dous cadros, Mosquera subliñou que cando se aprobou a cesión das obras no Pleno da Corporación do mes de setembro non presentou recurso de alzada, trámite que podería ter complicado e prolongado aínda máis a espera para a restitución. “Parece que –a familia- se deu por vencida porque independentemente da propiedade os convenios internacionais son moi claros. Despois non temos información. Aquí a sensación que hai é que dende o Pleno, coa argumentación que se fixo, a deron por boa”, finalizou.
O díptico
A noticia da identificación do díptico como ben espoliado xurdiu en decembro de 2020 cando Mariusz Wiśniewski, do Departamento de Patrimonio Cultural do Ministerio de Cultura e Patrimonio Nacional de Polonia, contactou co Museo de Pontevedra. Segundo a documentación que aportaba, as dúas pezas pertencían á Colección Czartoryski en Gołuchów que fora roubada polos alemáns durante a Segunda Guerra Mundial.
Ambas pinturas, tras saír de Varsovia en 1944, reapareceron no comercio de arte de Madrid en 1973. Despois, ingresaron no Museo como depósito do coleccionista José Fernández López e, desde 1994, son propiedade trala compra da súa colección (313 pinturas de autores e cronoloxías diversas) grazas á colaboración da Deputación de Pontevedra, a Xunta de Galicia e o Concello de Pontevedra. Descoñécese onde e en que momento foron adquiridas por Fernández López, pero todo parece indicar que puido telo feito nun dos establecementos da familia Maragall, a Sala Parés de Barcelona ou a Galería El Cisne de Madrid, das que era cliente habitual.
O díptico estivo atribuído inicialmente ao pintor holandés Dieric Bouts (Ca. 1420- 1475), principal representante da Escola de Lovaina, mais finalmente aclarouse que foi pintado por alguén da súa escola ou grupo. Constitúe un bo exemplo dunha tipoloxía da que se conservan numerosos exemplares en museos e coleccións particulares, realizados tanto polo artista como polas persoas do seu taller e imitadoras. Na actualidade a valoración a efectos de seguro de cada unha das táboas é de 130.000 euros.

Relacionadas

O presidente da Deputación visita en Paderne o futuro centro de transformación de produtos...

0
Luis Menor, acompañado polo presidente do Inorde, Rosendo Fernández, e do alcalde de Paderne de Allariz, Manuel Pérez, coñeceu in situ o estado actual desta infraestrutura que...

A IX Copa Deputación de Natación Sincronizada reúne este sábado a 250 deportistas de...

0
A IX Copa Deputación de Natación Sincronizada reunirá este sábado, 4 de maio, na piscina Rosario Dueñas, a un total de 250 deportistas de...

A Deputación abre en xuño as portas do recinto conventual de Santa Clara para...

0
Terán lugar o venres 7 de xuño ás 18:00 horas e os días 8, 15, 16, 22 e 23 de xuño ás 11:00 horas....

A Deputación de Pontevedra mantén aberto ata o próximo luns 6 de maio as...

0
Esta liña de subvencións está dotada con 200.000 euros e permitirá que as entidades locais creen ou ben manteñan e reforcen os servizos de...

O Salinas Club de Lectura pecha unha apretada axenda de escritores ata Nadal

0
Tralo éxito da xornada inaugural, as persoas lectoras están citadas para o 21 de maio con “O mar que nos leva”, de Moncha Fuentes César...

A Deputación aconsella extremar a vixilancia das viñas ante o mildio e o black...

0
Areeiro recomenda tratar tamén ante o mildio as patacas e plantas de horta xa que as choivas estes días e a subida de temperaturas...

Publicacións Relacionadas