A maxia e a diversión do Entroido de Marín xa ten imaxe. As concelleiras de Festas e de Cultura, Marián Sanmartín e Beatriz Rodríguez, respectivamente, presentaron o cartel que servirá para ilustrar esta época festiva no 2023, xunto co seu autor, Luis Vilas.
Unha das partes máis representativas do cartel e en xeral de todo o Entroido deste ano é a nosa famosa sardiña, xa que este ano o Enterro da Sardiña está solicitada como Festa de Interese Turístico de Galicia.
Precisamente, os centros escolares de Marín contarán con velorios e charlas sobre o Enterro da Sardiña entre os días 13 e 17 de febreiro, para poder achegarlles aos máis pequenos todo que se agacha detrás desta tradición, que é tan relevante dentro do noso calendario do Entroido.
A partir de entón, os días estarán cheos de actividade. O venres 17 de febreiro ás 21.00 horas teremos Cantos de Taberna polos bares de Marín, organizado en colaboración cos Saljariteiros.
Ao día seguinte, sábado, 18 de febreiro, ás 16.30 horas será o Desfile Infantil polas rúas de Marín (Alameda, Real, Praza do Reloxo, Sol, Concepción Arenal e Parque Eguren), con inscrición previa ás 16.00 horas no Palco da Música. A partir das 17.00 horas, será a Gran Festa Infantil no Parque Eguren, con música, animación e obradoiros e filloas de balde.
O domingo, 19 de febreiro, a animación polas rúas de Marín coas comparsas marinenses “Os Paparrulos” o “Os da Caña” comezará ás 12.30 horas. Despois, pola tarde, ás 17.00 horas, será o Gran Desfile de Disfraces e Carrozas pola Praza do Regueiro, a Avenida de Ourense, a Praza de España, Almuíña, Jaime Janer, Concepción Arenal e o Parque Eguren, onde se realizará a entrega de premios.
O luns, 20 de febreiro, o Concello acollerá todo o día o velorio á Sardiña, en colaboración co Ateneo Santa Cecilia, pero non todo será chorar. Pola mañá, as 12.00 horas, Amigos dos Rapaces e o Concello organizan a tradicional Festa do Merengue na Lameiriña, acompañados por Pousos da Area. Despois, ás 16.30 horas, seguirá sendo o momento dos máis pequenos da casa coa festa infantil, tamén la Lameiriña, amenizada polo grupo Los Coleguitas.
O martes, 21 de febreiro, teremos de 17.00 a 21.00 horas a terceira edición das Ludoxornadas, no Museo Torres. Ás 18.30 horas, na Alameda, o Concello organiza o espectáculo Circocido con Tom e Son e ao rematar, chocolatada de balde. A partir das 19.00 horas, entregaranse os premios do Concurso de Orellas e Filloas do Ateneo Santa Cecilia. A festa continuará ás 19.30 horas coa animación da Batucada Axé Bahía polas rúas marinenses e ás 21.00 horas nos bares cos Cantos de Taberna dos Saljariteiros.
O mércores, 22 de febreiro será o momento máis triste do Entroido. Ás 17.00 horas, arrancará o Velorio do Enterro da Sardiña no Palco da Música e ás 20.00 horas será o enterro, coa comitiva que pasará pola Alameda, Jaime Janer, Busto de Abaixo, Dr. Touriño e Rúa do Sol, ata chegar á Praza do Reloxo, onde terá lugar o pregón. Ao rematar, sairase pola rúa Real en dirección ao Paseo Alcalde Blanco, para despedir á sardiña no mar.
O sábado, 25 de febreiro, Seixo será o epicentro do Entroido coa animación da Charanga Noroeste polas súas rúas ás 16.30 e media hora despois co Desfile de Entroido, desde San Blas ata a Alameda de Seixo, organizado polo Grupo Cultural Ronsel. Haberá homenaxe á Burra Chirica, figura tradicional do Entroido de Seico, e sesión de música e baile.
Xa o domingo 26 de febreiro chegará a recta final do Entroido ás 12.00 horas coa degustación do Bolo do Pote a cargo de Pousos da Area na Alameda Rosalía de Castro, organizado polo Concello de Marín. Animarán esta festa a Charanga Jalácticos e a Batucada Maracumbé Bloco, con obradoiros de baile e maquillaxe.
Finalmente, o domingo 2 de marzo ás 17.00 horas, será o Desfile de San Xulián, organizado pola Comparsa Os da Caña.
De novo, as concelleiras quixeron destacar e agradecer a enorme implicación que teñen as asociacións de Marín que “sempre foron o gran motor do Entroido” e aseguran que este ano será unha edición destas festas moi atractiva, con actividades e opción de ocio para todas as franxas de idade.



