• O edil responsable deste departamento, Julio Casás (PSdeG-PSOE), sinala que esta actuación serve para aumentar o espazo para peóns, o que redunda nunha mellor seguridade peonil
A Concellería de Obras e Servizos Municipais, dirixida polo socialista Julio Casás, vén de iniciar nesta semana os traballos para a dotación de cuneta tendida no núcleo de Vilariño, na parroquia de San Xoán. O concelleiro responsable do departamento supervisou as obras e explicou que se centrarán nas áreas de Folgueira, Vilariño de Abaixo, Xalouriño e Vilariño de Arriba. As tarefas avanzan a bo ritmo e quedarán rematadas nas vindeiras semanas.
Casás explica a necesidade de acometer esta actuación, xa que servirá para ampliar o espazo en zonas da vía pública nas que “era preciso actuar para reforzar a seguridade viaria”. Coa dotación destas cunetas “agora existirá espazo suficiente para que poidan cohabitar os vehículos e os peóns, grazas á senda habilitada”, apunta Casás Barral. O concelleiro do Goberno municipal tamén incide noutros beneficios deste proxecto.
“Optimizamos recursos, posto que coa cuneta tendida evitamos que se acumule a maleza e canalizamos a auga, especialmente en épocas de chuvia”, recalca. Esta obra súmase a outras similares realizadas no que vai de mandato noutros puntos do rural, en parroquias como San Xoán, Combarro ou Samieira.
Por outra banda, Julio Casás tamén estivo a supervisar estes días diferentes traballos de limpeza de cunetas e reparación de luminarias e mobiliario urbano que se están a levar a cabo, aproveitando a mellora das condicións meteorolóxicas dos últimos días. “Vimos de pasar varios meses nos que se rexistraron moitos temporais, polo que o número de incidencias foi máis elevado que noutras épocas”, recoñece o edil de Servizos, que lembra que a cidadanía pode dar parte de desperfectos ou incidencias facendo uso da aplicación gratuíta Liña Verde, dispoñible para teléfonos móbiles ou a través da web www.lineaverdepoio.com.



